Skip to main content

A mesa de traballo do sector lácteo consensúa peticións para Bruxelas

Tivo lugar a primeira reunión do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo coa que bota a andar a primeira estratexia conxunta de todos os axentes implicados para consolidar e estabilizar este sector. Tras a xuntanza, presidida pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez anunciou que todos os presentes apoiaron unha batería de propostas urxentes que trasladar ao Goberno central para a súa defensa no Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea para garantir a estabilidade do sector de xeito inmediato. “Perseguimos un único fin que é fortalecer o lácteo galego, e unha reivindicación, que é que falar do lácteo en España sexa falar en primeiro lugar do lácteo galego”, declarou a titular de Medio Rural.

Estas propostas pasan, segundo explicou a conselleira, por unha suba do prezo e do volume de intervención tanto do leite en po como de manteiga, ao tempo que un control e unha regularización dos mercados para evitar certas prácticas como a venda a perdas. Para iso, tamén se reclaman medidas para lograr a transparencia en todos os elos da cadea de valor. Na batería de medidas inclúese tamén o fomento do consumo dos produtos lácteos no mercado interior da UE e a identificación da orixe dos mesmos. “Que o Decreto de cesión de prezos que ten que saír a nivel nacional se traslade tamén a toda Europa para que falemos dun mercado único e nas mesmas condicións”, insistiu Ángeles Vázquez.

Respecto ás medidas a máis longo prazo, no encontro estableceuse unha cronoloxía de actuación de cara ao futuro. A mesa de traballo reunirase polo menos unha vez ao mes para comprobar os avances e seguir traballando en melloras a prol do sector. “De maneira que non nos xuntemos todos só cando hai un problema crítico, senón manter un diálogo continuo a sabendas da importancia do sector”, aclarou a conselleira.

A posta en marcha do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo comezou o 8 de febreiro cando presentou o mesmo no Consello Agrario Galego. Hoxe, celebrouse unha primeira reunión de traballo, un gran paso adiante dado que é a primeira vez que nunha mesa se xuntan todos axentes da cadea de valor (industria, distribución, cooperativas, organizacións profesionais agrarias), incluídos os órganos de control de calidade e de mercado como o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e o Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), así como a Universidade e o ámbito científico, xunto coa administración. Todos, volverán a reunirse nun prazo máximo dun mes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia