Skip to main content

Preséntase o número 128 da revista sobre o devir científico Cuadernos de Estudios Gallegos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou o número 128 da revista científica ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’. No acto participaron tamén o director do IEGPS e da revista, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés e o secretario da publicación, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda. Por parte da consellería, canda o conselleiro asistiu ao acto informativo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez definiu a revista como “unha publicación de referencia para interpretar e comprender, con espírito crítico, o devir do noso país”, tendo en conta que se trata dun dos principais expoñentes da produción científica nos ámbitos das Humanidades e as Ciencias Sociais.

Tras lembrar “a calidade e rigor da investigación” que caracteriza a ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’, Román Rodríguez quixo poñer de relevancia o labor dos sucesivos directores da publicación, así como dos especialistas e investigadores que nela teñen presentado os seus estudos e artigos ao longo dos anos.

Doce artigos sobre Galicia e Portugal

O número presentado hoxe, que se pode descargar de balde na páxina web da revista, está composto por 12 artigos de temática histórica sobre Galicia e Portugal, elaborados por investigadores de diferentes institucións académicas do ámbito hispánico.

En concreto, os artigos vinculados con Galicia son “La escribanía de las Juntas del Reino de Galicia”, de Gonzalo F. Suárez Suárez; “La literatura de viajes y el transporte terrestre en Galicia desde el último tercio del siglo XVIII hasta mediados del XIX”, de Elvira Lindoso-Tato e Margarita Vilar Rodríguez; “Los gallegos en el Perú: la migración de los malpicáns al puerto de Chimbote”, de José A. Valverde Elera; “Tras la huella del desconocido maestro ciego del Colegio de Sordomudos y Ciegos de Santiago: Juan Lorenzo González”, de Ana Rodríguez Díaz e Elisa Gavari Starkie; e “Violencia rural intercomunitaria no sueste de Galicia. Un caso concreto: Moialde contra San Pedro de Pousada”, de Emilio Alonso Gayoso.

O Instituto, o Seminario e o CSIC

O Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” foi creado no 1943, e xorde do desaparecido Seminario de Estudos Galegos, tendo como obxectivo ser o punto de encontro dos máis destacados estudosos da humanística galega e un dos referentes da vida cultural e científica de Galicia, un labor que desenvolveu ata a década dos oitenta.

Xa en 1994, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) procedeu á súa reorganización e converteuno nun centro propio de investigación, con persoal científico. Un proceso de recuperación e reactivación das súas actividades científicas e culturais que culminou no ano 2000, cun convenio asinado coa Xunta de Galicia a través do cal o IEGPS se converteu nun centro de investigación mixto de titularidade compartida, e que ten ao fronte da comisión reitora–paritaria– aos presidentes da Xunta de Galicia e do CSIC.

‘Cuadernos de Estudios Gallegos’: a súa evolución

Cómpre recordar que ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’ é a decana das revistas de estudos históricos de Galicia, editada polo CSIC. Na súa primeira etapa estivo dirixida sucesivamente por Francisco Javier Sánchez Cantón, José Filgueira Valverde e Francisco Javier Río Barja, sendo os seus secretarios –entre outros– Jesús Carro García, Felipe Cordero Carrete e José Carro Otero.

Na actualidade, e segundo os criterios esixidos a este segmento editorial, a publicación foise especializando na edición de estudos e investigacións históricas, tanto de carácter xeral como referidas a Galicia, referenciada nas bases de datos internacionais más prestixiosas no seu ámbito.

A revista anual pode ser consultada no enlace web

http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/ e conta con artigos orixinais en seis linguas: galego, español, portugués, inglés, alemán e francés.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia