Skip to main content

Prado destaca a importancia da formación ocupacional na inserción laboral dos demandantes de emprego

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, entregou os diplomas aos participantes nos cursos de formación do Plan de Formación e Inclusión Profesional (FIP), impartidos polo Grupo Academia Postal en Ourense.

Na súa intervención, Belén Prado sinalou que a formación profesional ocupacional desenvolve un papel fundamental á hora de acadar a inserción laboral dos demandantes de emprego. A conselleira apuntou tamén que é prioridade do Goberno galego facilitarlle esa formación aos colectivos con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo, coma mulleres, mozos, parados de longa duración ou persoas con discapacidade.

Prado subliñou que estas políticas de emprego están a dar os seus froitos, coma demostran os datos do mercado laboral do pasado ano. En 2004, Galicia creou 37.400 novos postos de traballo, dos que máis de 26.000 recaeron en mulleres. Na provincia de Ourense, o número de ocupados medrou un 3,3% respecto ao 2003, acadando a cifra de 127.600 empregados, e a ocupación feminina subiu case un 14%.

A titular de Emprego dirixiuse tamén aos alumnos que remataron os cursos para lembrarlles a necesidade de manter actualizada a súa formación durante toda a vida laboral.

5.000 HORAS DE FORMACIÓN

Os cursos impartidos polo Grupo Academia Postal e financiados pola consellería sumaron máis de 5.000 horas lectivas e foron completados por 96 alumnos, aos que hoxe se lles entregou o diploma acreditativo. As especialidades formativas impartidas foron as seguintes: linguaxes de programación, administrador de sistemas operativos de redes locais, deseño e modificación de planos en 2D e 3D, programador de aplicacións informáticas, programación con tecnoloxía “java” e net, administrativo contable, administrativo comercial, ofimática e técnico auxiliar en deseño gráfico.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais