Skip to main content

O Centro Galego de Arte Contemporánea explora os procesos creativos de Socías

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) achégase ao universo creativo de Antoni Socías coa mostra ‘Teoría e práctica do deserto’, que abre o programa expositivo do centro neste 2016. Comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, a mostra ofrece un percorrido polos procesos de traballo do artista mallorquín, nos que vincula a fricción, a fotografía, a pintura, o obxecto, a instalación e o vídeo.

Ata o 12 de xuño, a mostra de Socías pode verse na planta soto, no Dobre Espazo, no Espazo de Proxectos, na Cantina e na entrada do CGAC, onde foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director do centro e por CaramoFanta, artista moi vinculado á traxectoria profesional e persoal de Socías.

A exposición recolle o traballo do artista en diferentes etapas da súa vida profesional, pero tamén inclúe obra nova. Na mostra ofrécese un cuestionamento constante da obra, do seu sentido e dos seus significados, establecendo relacións de fricción entre forma e contido. No seu universo creativo a predilección polos paradoxos e tamén polo absurdo convértese sutilmente nunha larvada crítica social e política desde as pequenas cousas, subliñando a importancia das actitudes no cotián.

O traballo de Antoni Socías renóvase constantemente no formal, por iso é difícil establecer un criterio de estilo recoñecible na súa obra. No entanto, é nas metodoloxías de traballo onde, de maneira sistematizada, é posible recoñecer unha orixinal visión de percorridos e un estilo de cuestionamento, atravesado polo humor, a provocación, o paradoxal e o performático.

Nocións básicas do artista

A mostra recolle as nocións básicas que sustentan o mundo do artista. Son concretamente doce os piares que motivan o traballo e a súa actividade reflexiva. Catro deles, perturbación, ocultación, desdobramento e autorretrato, ademais de seren conceptos ideolóxicos en por si, son ao mesmo tempo procesos que xeran liñas de traballo.

Os procesos complétanse con piares como responsabilidade, absurdo, negación, ocultación ou desdobramento, nos que o artista reflexiona sobre a súa obra e a relación desta co mundo froito dun estudo moi profundo sobre o proceso creativo. Por último, o autorretrato consiste nun exercicio de análise profunda do que é o artista, non só fisicamente, senón tamén no plano anímico.

Actividades arredor da obra de Socías

Como complemento á exposición, o CGAC organiza dúas actividades vinculadas á obra do artista. Esta tarde, ás 19:00 horas –previamente á inauguración da exposición, que terá lugar ás 20:00 horas– Socías compartirá unha conversa aberta ao público co director do CGAC e tamén con CaramoFanta;mentres que na fin de semana, os días 2 e 3 de abril,impartirá o laboratorio de ideas ‘Nin tan perfecta é a ciencia nin tan sublime a arte’, no que os participantes poderán debatir diferentes propostas que vincularán a arte coa ciencia, a filosofía e a psiquiatría.

O laboratorio está destinado a artistas profesionais, estudantes de arte de cursos avanzados, filósofos e científicos con inclinación pola arte e a cultura. As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.esou chamando ao teléfono 981 546 602. O prezo da matrícula é de 20 euros.

Hoxe, a partir das 21:30 horas, despois da inauguración da exposición, Enric Socias, encargado da imaxe, e Borja Vega, do son, ofrecerán en directo a performance audiovisual titulada ‘HIPN’.

Un artista multidisciplinar

Antoni Socías cursou estudos na Escola Superior de Belas Artes Sant Jordi de Barcelona. A súa actividade é multidisciplinar ao combinar o deseño gráfico, a fotografía, a comunicación publicitaria coa actividade artística. Impartiu talleres de fotografía e comisariou exposicións en diversos centros. A a súa obra foi exposta en innumerables galerías de arte e museos do todo o mundo, e foi adquirida para as coleccións en importantes museos como Artium de Vitoria, Centro de Arte Reina Sofía de Madrid ou Es Baluard de Palma de Mallorca.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia