Skip to main content

O sector do automóbil galego, locomotora da industria 4.0 en Galicia

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou, durante a inauguración do XXV Salón do Automóbil de Vigo, que o sector da automoción está preparado para actuar como locomotora da Industria 4.0 en Galicia e para seguir puxando das exportacións da comunidade autónoma. Destacou que a aposta continuada das empresas polos investimentos, a mellora da súa competitividade e a cooperación fai que estean preparadas para fomentar a industria galega e as súas exportacións no novo escenario da fábrica intelixente.

Aguilera subliñou que a Xunta impulsará este ano, no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e xunto con Ceaga e PSA, unha aceleradora de innovación no sector –a Business Factory Auto– para seguir incorporando coñecemento mediante unha iniciativa na que colaborarán tamén o Clúster TIC e os centros tecnolóxicos Gradiant, Aimen e CTAG. Esta actuación, pioneira en España, nace con vocación internacional e contará cunha achega conxunta de 4 millóns de euros para a primeira edición, na que prevé captar e impulsar 10 proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento.

Na súa intervención durante a inauguración do Salón do Automóbil, incidiu en que a facturación do sector medrou un 8,2%, ata sumar 8.200 millóns de euros, cifra que representa o 15% do PIB. As exportacións do sector tamén creceron un 5,8% durante o ano pasado, cobren o 71,3% da súa facturación e suman o 31% das exportacións galegas. Aguilera lembrou ademais que as vendas de coches aumentaron un 12% en Galicia o ano pasado, e que cabe agardar que sigan medrando de acordo coa evolución favorable da economía. Salientou igualmente a importancia de mostras como o Salón do Automóbil de Vigo como mellor escaparate para todo o sector.

Aguilera asegurou que a Industria 4.0 será a chave para que Galicia gañe competitividade no futuro próximo, impulsando a fábrica intelixente, unha loxística conectada e a hibridación de produtos entre sectores, aspectos onde a automoción está destacando. Para promover e apoiar os investimentos da industria galega, a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén activados, a través do Igape, os programas Galicia 1000, que prevé mobilizar 330 millóns de euros, e Galicia Inviste, que ofrece préstamos directos, préstamos participativos, capital risco ou préstamos bonificados e avalados. A través deste programa, dotado con 12 millóns de euros, a Xunta apoiará tamén ás pemes que impulsen proxectos a partir de 50.000 euros con axudas que poden cubrir ata o 35% dos proxectos. No marco desta liña apóianse tanto os proxectos de investimento en bens de equipo e os proxectos xeradores de emprego.

Por outra banda, no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que inclúe un plan operativo sectorial específico para a automoción no que se está a traballar, o Igape está a dar este ano un importante impulso á proxección exterior das pemes galegas a través do programa Galicia Exporta.

Nun espazo de 18.000 metros cadrados habilitado no IFEVI, a XXV edición do Salón do Automóbil de Vigo reúne, desde hoxe e ata o 10 de abril, 47 marcas de automóbiles e motos para mostrar as novidades do mercado. O Igape está presente, cun espazo expositivo propio, para achegar a empresarios e emprendedores información sobre os servizos e liñas de axuda dispoñibles para promover a actividade económica.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia