Skip to main content

Xosé Lois Foxo reedita a obra Os segredos da gaita, nunha versión actualizada

Xosé Lois Foxo actualiza Os segredos da gaita coa publicación da sétima edición deste manual de referencia sobre o instrumento, nunha versión corrixida e ampliada promovida pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, que ve a luz co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O gaiteiro e escritor presentou a obra nunha rolda de prensa na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o seu labor de investigación, así como o traballo desenvolvido na Escola Provincial de Gaitas da Deputación. A sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, acolleu a presentación da obra, nun acto que contou coa interpretación musical dos gaiteiros Marco Foxo e Noelia Díaz.

A primeira edición da obra editouse en 1982 e desde entón ‘Os segredos da gaita’ foi traducida ao alemán, ao inglés, ao francés, ao xaponés, ao chinés e ao castelán. Esta nova edición, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, realiza un percorrido pola historia da gaita, polos seus persoeiros fundamentais, por algunhas das pezas musicais máis sobranceiras, así como polas técnicas do instrumento, e inclúe materiais audiovisuais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia