Skip to main content

Conde aposta por Navalia como porta a máis carga de traballo, emprego e crecemento do naval galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou pola feira internacional Navalia como porta a máis carga de traballo, emprego e crecemento do naval galego. Conde participou na presentación das xornadas técnicas que se desenvolverán na feira, xunto a responsables do propio evento, Aclunaga, Arvi e a Cámara de Comercio, e sinalou que “este espello do naval galego non é só a feira do naval máis importante do sur de Europa e unha das cinco máis importantes a nivel mundial, senón que representa o esforzo, a seriedade, a innovación e o traballo que nos teñen permitido comezar a camiñar cara unha recuperación da que o naval é un dos mellores expoñentes”.

Neste senso, Conde resaltou que o bo dato de exportacións do sector en febreiro, cando sumou 17 millóns en vendas ao exterior, vén a consolidar unha traxectoria que ten levado aos estaleiros galegos a acumular 2.000 millóns de euros en contratos, despois de que a carga de traballo medrase un 50% nun só ano. O conselleiro apuntou que os últimos informes, que aínda non inclúen varios buques, reflicten 19 barcos na carteira de pedidos galega, un 30% de toda a carga de traballo dos estaleiros españois. “Nos situamos no bo camiño para recuperar o liderado do naval a nivel nacional, que estamos a gañar coa crecente competitividade global dos nosos estaleiros, da nosa industria auxiliar, e dos nosos centros de coñecemento”, dixo Conde.

Esa competitividade, defendeu, se basea sobre os piares da innovación, das melloras na comercialización, e sobre un reforzado financiamento. O conselleiro defendeu que o primeiro deses eidos é clave para que Galicia asuma unha posición de vangarda no naval europeo do século XXI, “porque o naval non é alleo á revolución tecnolóxica que está a chegar a todo o tecido económico da man da Industria 4.0”.

Lembrou neste senso que a Xunta ten apoiado proxectos innovadores por máis de 30 millóns de euros no sector nos últimos anos, entre as que se inclúen iniciativas coas que o Goberno galego ten reforzado o camiño cara o estaleiro intelixente, como as 3 unidades mixtas de investigación no naval centradas nos novos procesos industriais, o convenio que a Xunta puxo en marcha con Aclunaga e Aimen para o impulso do Naval 4.0 desde o CIS Galicia, e o concurso de Ideas Industria 4.0, que financiará con 4 millóns de euros 4 proxectos demostrativos de novas tecnoloxías asociadas a esta revolución.

Iniciativas que se complementan co traballo planificado no marco da Axenda 20 para o Emprego, que busca impulsar a adaptación dos traballadores do naval a esta revolución tecnolóxica, adaptando os certificados de profesionalidade, programando cursos específicos, e creando unidades de formación nas empresas.

Comercialización e financiamento

Conde destacou que a Xunta está a acompañar aos responsables dos estaleiros fomentando contratos e negocios, impulsando a comercialización e permitindo “gañar contratos e posicionarnos no ámbito internacional, cunhas cifras de contratos que van a máis”.

Ese pulo á comercialización, dixo Conde, é paralela a un impulso ao financiamento do sector con fitos como o fondo de garantías de Pymar e o novo tax lease. Conde referiuse a esta última ferramenta “refrendada definitivamente polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que acabou cun órdago inxusto lanzado polos empresarios holandeses, e garantiu unha seguridade xurídica completamente blindada para o sector naval galego”.

Innovación, comercialización e financiamento, dixo Conde, “son precisamente tres eidos nos que Navalia xoga un papel fundamental”. Neste senso, destacou que a feira permite ás empresas acceder ás últimas innovacións nos stands e as xornadas técnicas, e sinalou ademais que é clave para impulsar “a comercialización dos nosos produtos e levando o nome do naval galego por todo o mundo, e poñendo as bases para que armadores e estaleiros cheguen a acordos financeiros dos que xurdan contratos que apuntalen o noso crecemento”.

Un evento que “pon os ollos do sector en Vigo” con medio milleiro de expositores procedentes de todo o mundo, desde China a Estados Unidos e desde Corea ata Brasil; sumando “máis de 25.000 profesionais e o clima adecuado para pechar novos contratos”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia