Skip to main content

Destácase o Plan de dinamización da lingua 2015-2020 na Galeguidade Empresarial de Vigo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Vigo no acto programado polo Foro Enrique Peinador para conmemorar o Día da Galeguidade Empresarial, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través deste departamento.

García Gómez incidiu na súa intervención “na importancia de apoiar a inclusión da nosa lingua na actividade empresarial e comercial”, tal e como sinala o Plan de normalización da lingua galega, xa que “a presenza do galego nas empresas constitúe o termómetro máis fidedigno do grao da súa vitalidade social”. “Hoxe reunímonos aquí para conmemorar a Galeguidade Empresarial e participa desta celebración un nutridísimo número de empresarios de toda Galicia que se destacaron e están a destacar polo seu compromiso coa lingua galega, pois entenden que forma parte das responsabilidades sociais das súas empresas e que ademais os axuda a facer crecer os seus negocios”, destacou.

O secretario xeral agradeceu a contribución ao primeiro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020 posto en marcha pola Xunta de Galicia do Foro Enrique Peinador que, en palabras de García Gómez, é unha entidade punteira na promoción do idioma na empresa por “considerar unha prioridade que estar radicados nun territorio e facer negocios nel implica asumir tamén a súa realidade lingüística e os dereitos lingüísticos dos seus cidadáns”.

Tamén participaron neste acto o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ignacio López-Chaves; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé Martínez; o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e un nutrido grupo de empresarios vencellados ao Foro Enrique Peinador.

Homenaxe a Enrique Peinador

No marco desta celebración homenaxeouse a Enrique Peinador, o empresario galeguista de quen toma o nome a entidade promotora. Os xardíns da Escola Universitaria de Estudos Empresariais acollen unha escultura del, da autoría do vigués José Molares, e xa é pública a súa biografía, “Enrique Peinador Lires e Mondariz. Empresa, turismo e país”, elaborada polo historiador Ricardo Gurriarán.

O Foro Enrique Peinador ou Foro Peinador aglutina entidades empresariais e institucionais influentes no ámbito socioeconómico galego co obxectivo de conciliar a actividade económica coa defensa dos valores culturais e lingüísticos do país a prol da normalización do uso do galego no ámbito da empresa e da economía, tanto no traballo e na comunicación das empresas coma no contido dos produtos e na súa promoción e etiquetaxe. Para acadar estes obxectivos, o Foro Peinador organiza actos nos que se poñen en valor e se dan a coñecer os produtos etiquetados en galego e tamén encontros con empresarios de todos os sectores que contan coa participación da Administración autonómica por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico (2015-2020)
A Xunta de Galicia iniciou en abril do ano pasado os trámites para a posta en marcha do primeiro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020, o primeiro impulsado desde o Goberno galego para potenciar o uso do idioma na economía baixo as directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004).

A finais de 2015 o secretario xeral de Política Lingüística levou ao Parlamento o documento pactado, articulado en 84 medidas cuxo obxectivo común pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia