Skip to main content

Preséntase en Madrid a World Wine Experience, un percorrido polos viñedos do mundo

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, deu a benvida tanto aos organizadores Margarita Lozano Ruiz e Eliseo González López, como aos relatores e asistentes, entre os que estaban numerosos xornalistas de medios especializados, así como bloggers e profesionais do sector, produtores, distribuidores, sumilleres... Tras as palabras de benvida, Ónega lembrou as orixes vinateiras da súa familia, achegando algunha anécdota e desexou unha frutífera xornada en torno ao “néctar dos deuses”.

Entre os relatorios programados estaban: O Viño: Historia e Cultura e sinal de Identidade dos pobos, a cargo de Rafael del Rey, xerente da Fundación para a Cultura do Viño. Posicionamento de marca, internacionalización e e-commerce, por Rafael del Rey, director do Observatorio Español de Mercados do Viño. A comunicación e a prensa vitivinícola: a influencia dos líderes de opinión, por Michael Hormickel, presidente da Federación Internacional de Xornalistas do Viño e Brigitte Leloup, presidenta da Asociación de Catadoras de Europa. Modelos produtivos do Vello e do Novo Mundo: imos cara a unha maior ou menor regulación?, por Richard Halstead, Eugenio Pomarici, Anxo García, Jia Peng, Carlos Falcó e Amancio Moyano, presidente da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas.

Na cata posterior ofrecéronse máis de trinta referencias de diferentes países, das cales máis do dez por cento correspondían a etiquetas de viños galegos, que ademais gozaron de moi boa acollida.

Este acto encádrase entre os que se organizan con motivo da celebración de “EXPOFOODING World Conference Gastronomy and International Relations” en Madrid.

Máis información en http://www.worldwineexperience.org/
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia