Skip to main content

A industria de productos lácteos anima a mercar por calidade a marca Galega 100%

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, animou no VII Encontro coa Industria Alimentaria Vegalsa-Eroski a consumir produtos da marca Galega 100%, un selo que é garantía de calidade, xa que falamos de produtos elaborados coa mellor materia prima, con leite procedente de explotacións que cumpren os máis altos estándares de calidade. “Ao consumir leite Galega 100% estamos apoiando ao noso sector lácteo, un sector estratéxico para a economía da nosa comunidade e para a pervivencia do noso rural”, declarou Vázquez ao falar da calidade dos produtos galegos.

Neste senso, a conselleira destacou as 31 Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas que hai en Galicia, unha das comunidades autónomas con maior número destes distintivos. “Falamos de arredor de 30.000 produtores e case 900 industrias cun valor de produción próximo aos 350 millóns de euros”, explicou Ángeles Vázquez.

Importancia da transformación

Durante a súa intervención, a conselleira insistiu na importancia da transformación e comercialización para dotar de máis valor engadido as nosas producións agrícolas e gandeiras. “O mantemento e a potenciación da industria agroalimentaria favorece a pervivencia nas zonas rurais das explotacións agrarias e do tecido económico que as rodea, así como o mantemento dos postos de traballo”.

A industria agroalimentaria galega confórmana preto de 2.300 empresas, cunha facturación superior a 4.700 millóns de euros e dá ocupación a máis de 18.300 persoas. Entre elas hai arredor de 1.300 instalacións que corresponden a industrias que transforman principalmente materias primas galegas, así como a industrias de elaboración de produtos de alimentación animal, sendo por este motivo todas elas de importancia estratéxica para o noso sector agrario. Entre elas destacan as industrias lácteas, cárnicas e de alimentación animal que facturan máis do 90% de todo o sector. Pola súa banda, as industrias vinícolas representan ao 40% dos negocios.

A conselleira explicou que o sector agroindustrial é un elemento clave no equilibrio territorial e no desenvolvemento das economías locais, “como o indica o feito de que preto do 60% das empresas se sitúan en concellos de menos de 10.000 habitantes, tendo a categoría de microempresas máis do 75% delas”.

Por todo iso, o Goberno galego apoia cun elevado esforzo orzamentario este sector. En concreto, consigna ata 25 millóns de euros para investimentos da industria agroalimentaria, un incremento superior ao 30% respecto do ano anterior e achega outros 8,3 millóns a actividades de internacionalización das empresas e de promoción e mellora da calidade da produción, o que representa un incremento de case o 24% respecto do ano 2015. En total, máis de 33 millóns de euros que a Xunta de Galicia vai mobilizar para fomentar a industrialización e a comercialización agroalimentaria, cifra un 28,5 % superior á do ano pasado.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia