Skip to main content

O Plan Galego de Estatística 2017-2021 busca consolidar o sistema de datos de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o novo Plan Galego de Estatística 2017-2021 busca consolidar o sistema estatístico de Galicia, ao tempo que permitirá avanzar na transparencia, na accesibilidade dos datos que subministra e na calidade da información que proporciona.

Neste senso, o vicepresidente da Xunta ficou na importancia de dispor dunha información estatística de calidade, imprescindible para tomar decisións dun xeito obxectivo e con todos os datos.

Como especificou, para cada un destes obxectivos, o Instituto Galego de Estatística coordinará os seus esforzos para aumentar a claridade e visibilidade da estatística oficial.

Así mesmo, engadiu que se reforzará a colaboración cos sistemas estatísticos da Administración xeral do Estado e da Unión Europea en aras da coordinación. Ademais, así garántese o uso eficiente dos recursos públicos e a comparabilidade da información elaborada por distintos organismos estatísticos.

Por outra banda, Rueda avanzou que o novo plan estatístico contempla a obriga de considerar a perspectiva de xénero en toda a información estatística que se facilite. Do mesmo xeito, o compromiso co principio de calidade na información estatística se manifesta neste novo plan na fixación de obxectivos concretos sobre a relevancia, sobre a precisión que teñen que ter os datos que se faciliten, a fiabilidade, a accesibilidade. Como detallou, todos estes obxectivos serán obxecto dun seguimento específico e as persoas usuarias poderán coñecer os resultados acadados.

Así mesmo, asúmese o código de conduta adoptado polo comité do Sistema Estatístico Europeo estatístico europeo, co que se busca garantir a independencia do persoal estatístico, tanto na recollida de datos como despois nas análises e conclusións; a imparcialidade; e, en definitiva, a obxectividade e a transparencia que debe ter todo traballo estatístico para que realmente sexa útil e veraz.

En relación ás metas do Plan, xunto coas 101 xenéricas, establécense 117 estatísticas concretas que se conseguiron consolidar nos plans precedentes e que se deberán executar. A maioría destas estatísticas, como destacou Rueda, son novas con respecto ao plan anterior e abordan temas como a poboación dependente, as empresas TIC, a estatística de emerxencias 112 ou a ocupación na pesca.

Segundo Rueda, trátase do quinto plan plurianual que aproba a Xunta co que, en definitiva, se están cumprindo os obxectivos marcados na Lei de Estatística “para perfilar un sistema estatístico público que nos permita dispoñer de información de calidade” porque neste momento “onde a xestión responsable, a xestión con sentidiño dos recursos públicos demanda, desde logo, utilizar criterios obxectivos” faise necesario utilizar “boa información para acertar nas decisións”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia