Skip to main content

Principia apoia a contratación de 300 investigadores menores de 35 anos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a activación do programa Principia, que vai apoiar que as empresas e centros de coñecemento galegos (como universidades, fundacións e centros tecnolóxicos) contraten ata 300 investigadores menores de 35 anos.

“Esta medida vai orientada a aqueles mozos e mozas cun ano ou menos de experiencia laboral na súa categoría profesional”, explicou Rueda. Cada entidade poderá solicitar axudas para financiar ata 10 contratos, cunha duración mínima dun ano e un importe bruto anual de, polo menos, 24.000 euros. A Xunta dedica ao programa Principia tres millóns de euros, cos que apoiará cada contrato con 10.000 euros.

Deste xeito, o Goberno autonómico cumpre unha das medidas para canalizar os fondos extra dos que dispoñemos por cumprir o déficit, tal e como se comprometeu o presidente hai dúas semanas: ampliar de 200 a 300 o número de investigadores a contratar.

As actividades que desenvolverán estes 300 mozos e mozas deberán desenvolverse en Galicia e en tarefas relacionadas cos retos e prioridades da Estratexia de especialización intelixente de Galicia-RIS3. A convocatoria do programa Principia publicarase nos vindeiros días e o prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Unha vez resoltas as axudas, as entidades procederán á contratación do persoal, coa data límite para asinar os contratos do 1 de decembro de 2016.

Captación e retención do talento

“A Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento”, concluíu o vicepresidente. Esta é unha das claves para aumentar a capacidade innovadora do noso tecido produtivo, polo cal parte dos fondos extra dos que dispón o Goberno galego por cumprir o déficit se destinará a ampliar de 200 a 300 o número de investigadores que axudará a permanecer en Galicia.

Isto complementa outras iniciativas a prol da I+D+i, como os contratos programa para os centros tecnolóxicos e fundacións sanitarias, as 19 unidades mixtas de investigación e o programa Oportunius, que está a traer de volta a Galicia investigadores de alto nivel.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia