Skip to main content

O I Encontro de Marisqueo a Flote pretende avanzar cara a plena profesionalización do sector

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, inaugurou o I Encontro de Marisqueo a Flote no Hotel Congreso de Santiago de Compostela. O foro
promovido pola Consellería de Pesca pretende concienciar a este sector da importancia da organización no seu camiño para acadar a plena profesionalización, para o que contou coa participación de 82 mariscadores procedentes das diferentes confrarías galegas onde se desenrola esta actividade.

Loitar por un mercado de primeira calidade

No acto de inauguración, o conselleiro de Pesca fixo fincapé na
importancia de levar a cabo unha explotación sostible deste recurso e
animou ós participantes “a loitar polo mercado de primeira calidade”. López
Veiga manifestou que “Galicia ten un futuro importante no marisqueo a
flote”, xa que gozamos do “mellor marisco do mundo en textura, sabor e
calidade”. Así mesmo, o titular de Pesca da Xunta lembrou que do 2007 ó
2013 estaremos ante ó último período de axudas procedentes da Unión
Europea, polo que salientou a importancia de “aproveitar esta
oportunidade para posicionarse no mercado”.

Formación e intercambio de experiencias

Neste I Encontro de Marisqueo a Flote, representantes da administración
galega e algunhas agrupacións de mariscadoras participantes fixeron alusión
á importancia da formación para o sector. Neste sentido, está previsto que
nun futuro próximo, co apoio da Consellería, se impartan cursos orientados
á formación de directivas. A xuntanza desta mañá tamén deixou espazo para o
intercambio de experiencias entre confrarías, entre as que cómpre salientar
o plan posto en marcha nos Lombos do Ulla para erradicar o furtivismo ou a
experiencia de semicultivo que se está a levar cabo en Moaña e Cambados.
Pola tarde organizaranse varios talleres de debate nos que se abordarán,
entroutros temas, a organización das agrupacións, a xestión do recurso e a
comercialización.

Na segunda xornada, o director xeral do Centro de Control do Medio
Mariño, Juan Maneiro, ofrecerá unha ponencia sobre o control da calidade
das augas e un dos integrantes do Servizo de Gardacostas de Galicia
explicará a importancia do control da actividade pesqueira e marisqueira.
Pola súa banda, o delegado de Pesca de Lugo, Pablo Fernández, detallará ós
asistentes as axudas que a Consellería ofrece ó sector. O evento será
clausarado pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro,
Rosa Quintana.

Próximos encontros de marisqueo a flote

Cómpre lembrar que este é o primeiro encontro de mariscadores a flote
que se celebra en Galicia. No obstante, a Consellería de Pesca pretende
seguir os pasos que se deron anteriormente co marisqueo a pé e celebrará
proximamente novos encontros de marisqueo a flote por diversas zonas da
xeografía galega, co obxectivo de que así poida participar máis xente.

Actualmente existen 11 agrupacións de marisqueo a flote en Galicia. O
99% dos traballadores que se adican a esta actividade son homes, tal e
como quedou reflexado no acto celebrado hoxe, ó que só asistiron dúas
mulleres pertencentes ó sector.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta