Skip to main content

A Xunta pon en valor o modelo do cooperativismo no sector do ensino a través do que se promove a igualdade e solidariedade

Marnotes puxo en valor o modelo do cooperativismo no sector do ensino salientando que a través desta fórmula empresarial se promoven valores como a igualdade e solidariedade. Así mesmo, indicou que o sector da economía social, que aglutina máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas, é un modelo que demostrou a súa resistencia fronte á crise económica.

O director xeral explicou que unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta no eido laboral, é impulsar o cooperativismo. Deste xeito, explicou que esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. “O que se pretende é incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir”, subliñou. A Xunta destina este ano 5,4 millóns de euros para fomentar a Economía Social con diferentes liñas de axudas entre as que a Axenda 20 para o Emprego inclúe o Programa Aprol para promover a contratación do sector con preto de 3 millóns de euros.

Marnotes, ademais, afirmou que o Goberno galego está a ultimar a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, que inclúe un total de 87 medidas co obxectivo de potenciar a competitividade e internacionalización deste sector. Ademais, recentemente, aprobouse o Proxecto de lei de economía social de Galicia que ten como principal obxectivo regular ao sector, promovendo especialmente o cooperativismo xuvenil e ofrecendo grandes posibilidades para contribuír ao crecemento económico de Galicia desde o rural. En definitiva, o director xeral asegurou que a Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio.

Así mesmo, o director xeral lembrou que o próximo 2 de xullo se celebra o Día do Cooperativismo e para conmemorar esta xornada sinalou que a Xunta está a desenvolver un programa de actividades, entre as que se inclúe a entrega de premios do certame ‘Cooperativismo nas Escolas’, unha iniciativa coa que se promove entre os estudantes de Galicia o coñecemento desta fórmula empresarial e os valores que representa.

Así mesmo, o venres dará comezo a actividade ‘Cooperativismo en Movemento’ coa que se achegará a diversas localidades galegas as vantaxes deste modelo de negocio a través de representacións músico-teatrais, xogos e unha exposición. Esta actividade realizarase na provincia de Ourense o día 27 en Verín e o 29 en Xinzo de Limia.

O programa rematará o día 2 de xullo coa celebración anual do Día do Cooperativismo e a entrega dos premios ás cooperativas. Na xornada anterior, o 1 de xullo, celebrarase unha xornada de portas abertas nas cooperativas de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia