Skip to main content

Inaugúrase en Compostela a mostra sobre as Irmandandes da Fala: Saúde e Terra, Irmá(n)s

A Consellería de Cultura e Educación, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou en San Domingos de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego, no acto inaugural da exposición conmemorativa do centenario das Irmandades da Fala “Saúde e Terra, irmá(n)s”.

Na súa intervención, o responsable da política lingüística da Xunta animou os composteláns e compostelás a visitar esta mostra que busca difundir o labor realizado no seu día polas Irmandades a prol da lingua galega ”co ánimo de que ese coñecemento sirva de estímulo e de exemplo para a cidadanía do século XXI”. Tal e como apuntou García Gómez, aínda que nos enfrontamos “a retos novos que nos esixen innovadoras estratexias e métodos de promoción do galego”, o espírito debe ser “o mesmo que guiou aquelas persoas que, hai un século, se sentiron xunguidas como irmás na defensa do idioma”.

A canda o secretario xeral de Política Lingüística participaron na inauguración representantes das tres entidades coorganizadoras da mostra: Justo Beramendi González, presidente do Padroado Museo do Pobo Galego; Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; así como o rexedor compostelán, Martiño Noriega.

A mostra “Saúde e terra, irmá(n)s”, que abriu a súa itinerancia na Coruña, poderá verse ata o día 31 de xullo no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, para continuar despois nos concellos de Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Ferrol.

Centenario das Irmandades da Fala

A exposición forma parte das actividades que diversas institucións culturais e administracións -entre as que se encontra a Xunta- están desenvolvendo ao longo do ano 2016 para conmemorar o centenario da fundación da primeira Irmandade da Fala, fundada o 18 de maio de 1916 na Coruña.

Os días 7 e 19 de xullo, acompañando a súa presenza na capital de Galicia, terán lugar dúas sesións doutra desas actividades: o ciclo de debate “No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos”, organizado pola Real Academia Galega co apoio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura da Consellería de Cultura e Educación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia