Skip to main content

O novo programa Galicia Culturea ofrece cultura e lingua no verán con 600 actividades en 166 concellos

O conselleiro presentou na compostelá praza das Praterías o novo programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ‘Galicia Culturea’. Unha iniciativa que durante os meses de xullo, agosto e setembro ofrecerá ao longo da xeografía galega unha completa oferta cultural e de ocio pensada para todos os públicos.

Esta programación porá en valor, para que cheguen ao maior público posible, as actividades organizadas e promovidas pola Consellería durante este período estival e terá presenza, segundo explicou Román Rodríguez, “en máis da metade dos concellos de Galicia”, en concreto, nun total de 166 localidades das catro provincias e inclúe “preto de 600 actividades culturais e propostas de dinamización lingüística de rúa.” A día de hoxe están pechadas un total de 589 actividades.

Na presentación, actuaron o grupo de música tradicional da Agadic, mais o mago Dani García, e o cantautor galego Manoele de Felisa. Participaron nela o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e os músicos de Hércules Brass Esteban Méndez e Víctor Vilariño.
Cultura e dinamización lingüística

A programación inclúe todo tipo de propostas e actividades culturais. Desde a dinamización da lectura ou a dinamización lingüística de rúa, á música, ao teatro, á danza, ao novo circo, á maxia ou ao cine, pasando por obradoiros, visitas guiadas a mostras temporais, así como distintas actividades formativas e de fomento do talento da nosa mocidade. En palabras do conselleiro esta programación “está concibida cunha visión participativa, na que a xente sexa actor e protagonista e non soamente suxeito paciente da programación.”

“Queremos –afirmou o conselleiro– visibilizar e achegar os distintos públicos aos creadores e artistas galegos, que se coñezan máis e mellor os excelentes froitos que hoxe en día dá a nosa cultura, promovendo ademais en todos os ámbitos, pero sobre todo entre os máis novos, o galego”. Para rematar, Román Rodríguez concluíu que “ademais con Galicia Culturea búscase corrixir e mellorar a programación cultural” de xeito que esta sexa “equilibrada, plural, deslocalizada e de interese para todos os públicos.”

Novas iniciativas

Entre as iniciativas que se estrean este verán cómpre salientar, por ir dirixida ao público infantil, un dos que máis goza das actividades realizadas no Gaiás, ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’, 4 obradoiros cos que se busca potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, estimular o seu talento creativo e sacar a relucir as súas aptitudes artísticas da man de destacados profesionais da ilustración, da artesanía, da moda ou do deseño.

Así mesmo, a Consellería organizou de forma específica para este ‘Galicia Culturea’ un programa de concertos das formacións Zoar, Odaiko, Hércules Brass, Coro Cántigas da Terra, e das corais Cantigas e Agarimos, de Ruada e Toxos e Froles, Galicia Fiddle Orquestra, en 28 concellos de toda a xeografía galega ao longo do verán.

Ademais, nos próximos meses desenvolveranse novas programacións para fomentar a relación dos máis novos coa música, tales como un campamento musical en Agolada; ou un conxunto de programacións formativas, fundamentalmente enfocadas a novos intérpretes, para favorecer espazos nos que poidan completar a súa aprendizaxe con experiencias de conxunto e de contacto con profesionais, tanto galegos como de outras procedencias. Estas actividades de formación integrarán un ciclo do alumnado no que estará involucrado o propio alumnado.

Dinamización lingüística

Alén disto, o programa impulsado pola Consellería para a Rede de Dinamización Lingüística continúa no verán, centrado en 3 novas propostas deseñadas de forma específica para ‘Galicia Culturea’: ‘Contos vellos para rapaces novos’, ‘O zapateiro e o raposo’ e ‘Palabras máxicas’. O primeiro dos formatos é unha proposta de contacontos inspirada na obra homónima de Xosé Neira Vilas coa que se lle rende homenaxe ao escritor e se achega á cativada unha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes. Tamén como contacontos chegará ‘O zapateiro e o raposo’, poñendo en valor a oralidade en lingua galega e presentando nunha escenificación baixo carpa os lances máis divertidos dos protagonistas. Os participantes nesta actividade de rúa recibirá cadanseu exemplar do libro para darlle continuidade á narración na casa.

Pola súa banda, ‘Palabras máxicas’ é unha peza de maxia para público de todas as idades a cargo do mago Dani García. O público asistente terá participación no espectáculo, ata o punto de que será el quen determine o seu guión, ademais de axudar a Dani a superar unha serie de retos que o fagan digno dun magnífico sombreiro de mago.

Citas consolidadas

O programa de ‘Galicia Culturea’ inclúe tamén citas xa consolidadas, como é o caso da integración de música e patrimonio que supoñen os ciclos ‘Monumenta’ ou ‘Espazos sonoros’, e de iniciativas como ‘Cultura no Camiño’-desenvolvida en colaboración con Turismo de Galicia-, que leva unha ampla combinación de espectáculos aos concellos polos que pasan as diferentes rutas xacobeas; ‘Ler conta moito’, centrada na dinamización da lectura; as Feiras do Libro de Galicia; ou as habituais programacións que a Agadic impulsa nas redes de Música ao Vivo, de Teatros e Auditorios, de Salas ou a través do ciclo Danza 3.

Así mesmo volveranse organizar os exitosos ‘Cidade Imaxinaria’ e ‘Atardecer no Gaiás’, ambos na Cidade da Cultura de Galicia, espazo no que ao longo do verán se poderán visitar tamén as exposicións ‘Con-fío en Galicia’, ‘Quefaceres e equilibrio’, de Sonia Navarro; ‘Rostros do país’, de Xurxo Lobato; e ‘Homo Ludens’, de Román Corbato e Miguel Benjumea.

O CGAC, o Museo Massó, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, ou os museos das Peregrinacións e de Belas Artes serán, como adoita ocorrer cada verán, escenarios de diversas actividades dirixidas a toda a familia. Tamén se reeditarán iniciativas como os festivais Groba e Hércules Brass ou o ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera, entre outras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia