Skip to main content

En Marea pregunta ao Goberno central polo nomeamento do presidente da SEPI

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, acaba de presentar unha batería de preguntas así como unha Proposición non de Lei sobre o nomeamento do novo presidente/a da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Este cargo está vacante desde o pasado 15 de xullo de 2016, cando o anterior Presidente, Ramón Aguirre, presentara a súa renuncia para tomar posesión da acta de Deputado no Congreso. Ramón Aguirre presentárase nas Eleccións Xerais do pasado 26 de xuño pola provincia de Guadalajara, baixo as siglas do Partido Popular.

Dada a importancia que ten a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) para o desenvolvemento económico do noso país, sorprende comprobar que a deixadez de funcións do Goberno do Partido Popular desembocara nun baleiro na dirección da SEPI, e que trala renuncia do seu anterior Presidente, o pasado 15 de xullo de 2016, aínda non se nomeara a ninguén para ocupar este cargo.

Neste senso, Yolanda Díaz pregunta ao Goberno pola previsión do executivo para nomear a unha nova persoa que ostente o cargo de Presidenta/e da SEPI, e que prazos se fixan para aprobar o Real Decreto co nomeamento. Asemesmo, En Marea insiste en coñecer cal é o perfil técnico que o executivo está buscando para o posto vacante e cal van ser as retribucións económicas da persoa que ostete o cargo.

A deputada de En Marea pregunta, asemesmo, se ademáis de sustituir ao Presidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais, ten previsto o Goberno remodelar o Comité de Dirección da SEPI.

Ademais da pregunta escrita, En Marea tamén presentou unha Proposición non de Lei sobre este tema, instando ao Goberno a proceder ao nomeamento do Presidente da SEPI no menor tempo de prazo posible e a informar sobre os criterios establecidos para a elección da persoa que ocupe agora o cargo.
Gabinete de Comunicación de En Marea