Skip to main content

A Biblioteca e o Arquivo de Galicia incorporan fondos históricos doados pola familia Banet Dobrkovska

A Biblioteca e o Arquivo de Galicia acaban de incorporar ao seu patrimonio documental e bibliográfico os fondos históricos doados por Manuel Banet López de Rego e por Alena Dobrkovska Kubickova. Trátase de dous mapas do século de XVII, do Reino de Galicia e mais de Bohemia, xunto cun singular exemplar da ‘Biblia’ do século XVI, escrito en castelán, e mais o incunable ‘El libro de las propiedades de las cosas’, datado do ano 1494.

Os fondos doados pola familia Banet Dobrkovska xa forman parte desde hoxe da Biblioteca e Arquivo de Galicia, entidades de cabeceira bibliográfica e arquivística da Comunidade autónoma galega, para a súa custodia pública e consulta. A entrega e recepción dos fondos tivo lugar esta mañá nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do doutor en medicina Manuel Banet e da súa esposa Alena Dobrkovska; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; das subdirectoras xerais de Bibliotecas e de Arquivos, Cristina Rubal e Marina García Pita, respectivamente; e mais do xefe de servizo da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján.

Tanto os mapas coma a ‘Biblia’ e o incunable contan cun “destacado interese histórico e cultural” e deles non existían outros exemplares na Biblioteca e Arquivo de Galicia, segundo explicou o secretario xeral de Cultura. No caso concreto da ‘Biblia’, non consta que exista ningún outro exemplar en Galicia.

O primeiro mapa impreso de Galicia

O do Reino de Galicia (Gallaecia Regnum) constitúe o primeiro mapa impreso que recolle todo o territorio galego, obra do dominico ourensán Frei Hernando Ojea, que se caracteriza pola representación do territorio galego con forma romboide e inclúe topónimos. A prancha que se reutiliza é a da primeira edición de 1603. Neste caso, existe outro exemplar no Arquivo do Reino de Galicia. En canto ao mapa de Bohemia (Amstelodami: apud Ioannem Iansonium, 1646?), foi impreso Ámsterdam polo cartógrafo holandés Jan Janssonius, da vangarda cartográfica europea da época.

O exemplar da ‘Biblia’, do século XVI, é unha verdadeira rareza na época polo feito de estar traducida ao castelán nun tempo no que aínda non estaba recoñecido o uso das linguas vernáculas na liturxia. Mentres que o incunable ‘El libro de las propiedades de las cosas’, de Frei Vicente de Burgos, destaca pola súa temática laica, infrecuente na época, e pola incorporación de gravados xilográficos de grande interese. Desta obra existe un exemplar no Museo Massó de Bueu e no Seminario de Mondoñedo.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia

Con sede na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia é a biblioteca autonómica central, que ten como misión recuperar, conservar e difundir o conxunto das publicacións editadas en Galicia e as que traten temas galegos. Ademais de fornecer servizos bibliotecarios de calidade, conservar e difundir os seus fondos, así como un valioso conxunto de coleccións de publicacións singulares, a Biblioteca de Galicia é o centro de conexión da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia co ámbito bibliotecario internacional. Como centro depositario do patrimonio bibliográfico máis valioso de Galicia, está orientada fundamentalmente a investigadores, estudosos ou persoas interesadas na cultura galega.

O Arquivo de Galicia, con sede tamén na Cidade da Cultura de Galicia, custodia os documentos producidos pola Xunta de Galicia e os órganos e entidades dela dependentes desde a súa creación (1982), así como outros de calquera procedencia que, polo seu ámbito e interese, se lle poidan asignar. É cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia, por iso simboliza a unidade do patrimonio documental da Comunidade. Este patrimonio comprende unha porción notable da súa cultura escrita e caracterízase,entre outros aspectos, pola súa calidade, antigüidade e diversidade. Entre as funcións do Arquivo de Galicia destaca a de conservar, difundir e acrecentar o patrimonio documental de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia