Skip to main content

Victor Ares, Rosa Méndez e Noroeste Obradoiro, de Santiago, optan ao premio Artesanía de Galicia 2016

O coruñés Victor Ares, a artesá con obradoiro en Teo (A Coruña) Rosa Méndez, e Noroeste Obradoiro, de Santiago de Compostela, son os finalistas do Premio Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo recoñecer a obra que mellor representa á artesanía competitiva e que conxuga os valores tradicioniais do sector coas novas tendencias.

Ademais desta categoría, dotada con 6.000 euros, os premios Artesanía de Galicia 2016, impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo recoñecer o talento dos artesáns galegos e impulsar a innovación e a remuda xeracional, contan con outras dúas categorías.

Por unha banda, o Premio Traxectoria, co que se fai un recoñecemento honorífico ao conxunto da traxectoria dun artesán, no que se valorará tanto a calidade da súa obra como ao seu compromiso coa divulgación e transmisión do oficio e dos valores positivos da artesanía.

Por outra banda, o Premio Bolsa Eloy Gesto, dotado con 3.000 euros para investir en formación, ten a finalidade de potenciar o relevo xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Esta categoría premiará a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro de referencia no eido da artesanía e do deseño, en función do carácter innovador do proxecto, o coñecemento que se pretende acadar coa formación, a incorporación das novas tecnoloxías e a aplicación da formación á elaboración dun produto artesanal innovador.

Os Premios Artesanía de Galicia, que chegan este ano á súa segunda edición, buscan estimular o traballo de creación dos artesáns galegos e sensibilizar á sociedade sobre a súa importancia como motor económico e cultural de Galicia. Contribúen non só a divulgar o produto artesanal galego senón tamén a mostrar un sector consolidado cunha longa traxectoria profesional, potenciando o relevo xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, presidiu o xurado encargado de outorgar os Premios Artesanía de Galicia 2016. Os vogais que completaron o xurado foron Marta López, subdirectora xeral de Comercio; Santiago Riande, director da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo; Eduardo Valiña, comisario e artista multidisciplinar; Luis Gil, arquitecto, e Míriam Pérez, directora da Galería Vilaseco. Laboratorio Creativo. Actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto, a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro.

O xurado acordou por unanimidade nomear finalistas na categoría Premio Artesanía de Galicia 2016 á peza con lema Voluta Volutidae do obradoiro compostelán Noroeste Obradoiro, a peza con lema Frío-Caliente do artesán coruñés Víctor Ares, e a peza con lema Tallasia da artesá con obradoiro en Teo Rosa Méndez.

Os gañadores das tres categorías que compoñen os Premios Artesanía de Galicia 2016 daranse a coñecer no acto público da entrega de premios que se celebrará en Santiago de Compostela no mes de decembro.

Finalistas Premio Artesanía de Galicia

A peza con lema Voluta Volutidae do obradoiro compostelá Noroeste Obradoiro consegue propor unha relación de tensión entre os dous elementos conformadores da peza de pratería, ferramenta e contedor, que máis alá do dialogo equilibrado entre eles, lle confire un auténtico sentido contemporáneo ao elemento.

O xerme de Noroeste Obradoiro é a Galería Noroeste, fundada polo xoieiro Antonio Ibáñez en 1994 na cidade de Santiago. No ano 2011 Jose Castro, faise socia e codirectora da Galeria Noroeste e comeza con Antonio Ibáñez unha nova aventura creando un espazo novo no que se unifica a galería cos seus respectivos talleres persoais sen ningún tipo de división física, unindo a creación, manufactura e venda das súas pezas en Noroeste Obradoiro no ano 2013.

Con respecto á peza con lema Frío-Caliente do artesán coruñés Víctor Ares, o xurado valora o seu carácter conceptual a partir de reminiscencias ancestrais e conceptos tradicionais pode chegar a un traballo do seu tempo.

Víctor Ares especialízase no deseño e produción de todo tipo de cerámica en gres ou porcelana, de xoias de fantasía e composicións ou esculturas murais, incluíndo cerámica utilitaria. As súas fontes de inspiración son a natureza e a cerámica tradicional galega, que reinterpreta para producir os seus propios deseños.

No tocante á peza de xoiaría en vidro con lema Tallasia da artesá con obradoiro en Teo Rosa Méndez o xurado destaca o artellado do traballo entre os diferentes materiais e a suxestión das súas formas orgánicas.

Dende os seus inicios, o proceso creativo de Rosa Méndez pasa pola pintura e a escultura, ata desembocar na xoiería. O vidro é o material a través do que se vai trenzando o fío argumental da súa obra. O seu estilo persoal e intemporal caracterízase por unha pureza formal que se afasta de reclamos innecesarios.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia