Skip to main content

O PPdeG designa portavoces en 11 áreas para mellorar a coordinación interna co Goberno galego

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou a designación de once portavoces de área para coordinar o traballo tanto a nivel de comisións e sesións plenarias, como coa Xunta de Galicia. Ademais, avanzou que Julia Rodríguez Barreira, pola provincia de Lugo; Carlos Gómez Salgado, Por Ourense; e Marián García Míguez, por Pontevedra, serán os deputados substitutos de Susana López Abella, Antonio Rodríguez Miranda e Nava Castro, respectivamente, recentemente nomeados para formar parte da Administración galega.

Puy explicou esta mañá que o Grupo Popular continúa coa súa reestruturación interna, logo dos resultados electorais acadados polo Partido Popular nas pasadas eleccións autonómicas e das baixas rexistradas no grupo como consecuencia da incorporación de membros ao Goberno galego.

En concreto, Pedro Puy sinalou que se designaron once portavocías de área, co obxectivo de coordinar o traballo nos distintos plenos e comisións, así como co Goberno galego. Así, Paula Prado encargarase do ámbito Institucional, Administración Xeral, Xustiza e Interior; Martín Fernández Prado, de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos; Pedro Puy, de Economía, Facenda e Orzamentos; César Fernández, de Educación e Cultura; Aurelio Núñez Centeno, de Sanidade; Marta Rodríguez Arias, de Política Social; Miguel Tellado, de Emprego, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo; José González Vázquez, de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; Carlos Enrique López Crespo, de Pesca e Marisqueo; Raquel Árias, da Corporación de Radio e Televisión de Galicia; e Cristina Romero, das relacións co Consello de Contas.

O portavoz popular indicou, ademais, que durante a presente semana está prevista a reanudación das comisións parlamentarias, coa celebración de sesións da 2ª, 4ª e 6ª, así como inminente aprobación dos orzamentos da Xunta por parte do Goberno galego e a súa tramitación parlamentaria ao longo dos meses de decembro e xaneiro.

CAMBIO NAS FORMAS

Cuestionado sobre a actitude dos grupos da oposición no inicio desta X lexislatura, Puy considerou “evidente que hai un cambio nas formas, o que permite mellorar a valoración do Parlamento entre os cidadáns”. Neste sentido, avogou porque “este clima propicie un diálogo máis fluído nalgunhas cuestións que permita chegar a decisións conxuntas” entre o grupo maioritario e a oposición.

Pedro Puy lembrou que no Grupo Popular “temos acreditada a predisposición para o diálogo, pero fai falta que a oposición asuma a necesidade de consenso nalgunhas cuestións transcendentais, como o pacto pola educación, o sistema de financiamento ou acordos estruturais sobre materias como a demografía”.
Gabinete de Comunicación do PPdeG