Skip to main content

Medio Ambiente promove que os escolares das zonas con espazos protexidos se impliquen na súa conservación

O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Javier Ruíz de Almirón Schlung, presentou o programa Primavera Viva, unha iniciativa de educación ambiental dirixida á poboación local escolar de diferentes espazos naturais protexidos de Galicia. En concreto, trátase dos seis parques naturais (Fragas do Eume, Corrubedo, Xurés, Serra da Enciña da Lastra, Invernadeiro e Monte Aloia) e dos espazos naturais de Ancares-Courel e Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Laboa Bodeira.

As actividades do programa Primavera Viva comezan hoxe mesmo, Día da Árbore, e rematarán o vindeiro 5 de xuño , Día Mundial do Medio Ambiente. O obxectivo principal desta iniciativa é que os escolares das zonas de influencia de diferentes espazos naturais protexidos coñezan os seus valores naturais, e ao mesmo tempo, se impliquen na súa conservación e preservación cara o futuro. Preténdese que as xeracións máis novas tomen conciencia dos recursos naturais que teñen ao seu arredor, potenciando así o seu respecto polo contorno natural e social no que viven. A través deste novo programa, Medio Ambiente tenta que os máis novos comecen a respectar e coidar o medio polos espazos naturais que teñen máis preto.

FASES

Primavera Viva comeza cunha primeira fase formativa, na que se inclúen actividades educativas: relatorios, obradoiros, xogos de simulación ambiental, cadernos de campo, plantacións de árbores e visitas guiadas a espazos. Esta primeira parte do programa pretende que os escolares consigan coñecer ao máximo as zonas protexidas que os rodean.

A segunda fase consiste na realización de traballos prácticos para optar así aos premios que se darán. Os colexios deben presentar os traballos sobre algún tema concreto do espazo natural que lle corresponda. Por cada espazo haberá tres premios: unha estancia de fin de semana na aula da natureza da Cabalar (As Pontes-A Coruña) ou no Parque do Invernadeiro (Vilariño de Conso-Ourense), unha visita guiada a un espazo natural e o terceiro galardón será un lote de libros.

Entre os premiados por cada espazo, elixirase un centro gañador a nivel de toda Galicia, que terá como premio unha semana de viaxe ao Parque Nacional Picos de Europa. Os galardóns aos vencedores por cada espazo entregaranse o vindeiro 24 de maio, Día Europeo dos Parques Naturais, e o premio ao gañador autonómico darase o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

DISTRIBUCIÓN

Da zona de influencia do Parque Natural Fragas do Eume participan neste programa 11 colexios e da zona do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán hai outros 12 centros educativos. Do espazo dos Ancares-Courel forman parte do programa 8 colexios (3 de Cervantes, 1 de Navia de Suarna, 1 de Quiroga, 1 de Pedrafita do Cebreiro e 1 de Folgoso do Courel).

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés será obxecto de estudo para 5 centros da zona (Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira e Calvos de Randín). Do Invernadoiro achéganse 3 colexios (1 de Vilariño de Conso, 1 de Laza e 1 de Castrelo de Val). Un total de 5 centros da zona Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra participan no programa (municipios de Rubiá, A Rúa, O Barco, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras).

Da provincia de Pontevedra haberá 12 colexios da zona do Parque Natural Monte Aloia (8 de Tui, 2 de Tomiño e 2 de Gondomar). Outros 6 centros do espazo Umia-O Grove forman parte tamén desta iniciativa (2 do Grove, 1 de Cambados, 1 de Meaño, 1 da Illa de Arousa e 1 de Sanxenxo).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia