Skip to main content

Luar na lubre celebra trinta anos contribuíndo á promoción do galego desde a música

“Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk do noso país, celebra trinta anos contribuíndo á promoción do uso do galego desde a música”, así o destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa de presentación do traballo discográfico 'XXX aniversario. Selección especial de temas'. Con el, a formación conmemora tres décadas ofrecendo dous cedés recompilatorios nos que recolle 15 pezas pertencentes á discografía editada ao longo destes anos. O secretario xeral estivo acompañado de catro dos integrantes de Luar na Lubre, Bieito Romero, Antía Ameixeiras, Xan Cerqueiro e Patxi Bermúdez, e mais polo músico Emilio Cao, compositor do coñecido tema 'Fonte do Araño', recollido no traballo.

García Gómez gabou a traxectoria de Luar na Lubre “na proxección da lingua e da cultura de noso, tanto dentro coma fóra de Galicia. “Unha traxectoria – dixo- que conta con diversos premios e recoñecementos, tanto a nivel galego como local, e na que cómpre subliñar un compromiso e unha achega constante ao proceso de normalización lingüística do galego”.

Tres décadas de compromiso coa lingua e a cultura

Luar na Lubre, integrado polos músico Bieito Romero, Paula Rey, Antía Ameixeiras, Patxi Bermúdez, Pedro Valero, Xavier Ferreiro e Xan Cerqueiro, fundouse no ano 1986 na Coruña coa vocación de desenvolver e dar a coñcer a música e a cultura galegas a través dun repertorio baseado nomeadamente en músicas de raíces galegas.

Ao longo da súa carreira leva vendidos máis de 300 000 exemplares dos seus álbumes ('Plenilunio' e 'Cabo do mundo' foron discos de ouro) e recibiu, entroutros recoñecementos, nove premios da música (concedidos pola Academia das Artes e as Ciencias da Música), dous premios Luar (outorgados polo programa homónimo da televisión pública galega) e un Premio Ideal (concedido por El Ideal Gallego).

Nestes 30 anos, Luar na Lubre ofreceu máis de 1000 concertos en máis de 23 países e participou nos principais festivais Word Music canda a artistas internacionais de primeiro nivel como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof. A xira de presentación deste novo traballo inclúe, desde xaneiro, concertos nos concellos galegos de Santiago de Compostela, A Coruña, A Estrada e Moeche; e, no exterior en Zamora, Almería, Granada, Sevilla, Ponferrada, Madrid, Cuenca, Porto e Lisboa (Portugal) e mais México.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia