Skip to main content

Un total de 141 mozos residentes no exterior participan nos cursos de especialización promovidos pola Xunta

Ata 141 mozos descendentes de galegos e residentes en diferentes lugares do conxunto de España, Europa e América foron recibidos polo presidente da Xunta en San Caetano, antes de comezar os Cursos de Especialización 2005 para monitores e directores de grupos culturais, artísticos e deportivos na Galicia Exterior, promovidos pola Consellería de Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. “Sodes o mellor investimento de futuro para estas terras”, díxolles o presidente da Xunta durante o encontro, no que sinalou, ademais, que o Goberno que preside quere contar coa mocidade do exterior “para deseñar un escenario no que seguir medrando”.

“Neste senso a vosa incorporación efectiva ás tarefas e responsabilidades asociativas é a mellor maneira de transmitir o amor por Galicia”, indicou aos mozos o mandatario autonómico no decurso do acto. De aí que a Xunta decida promover a asunción destas tarefas de responsabilidade mediante a organización dunha nova edición dos Cursos de Especialización que fomentan a realización de actividades culturais e deportivas por parte dos integrantes das entidades galegas no exterior, mediante, tal e como lembrou o presidente da Xunta, “a motivación e actualización de coñecementos dos seus monitores”.

PORTAL DA EMIGRACIÓN GALEGA

O mandatario galego defendeu a relevancia de activar espazos de encontro e colaboración a través das novas tecnoloxías como unha estratexia fundamental para a Galicia da diáspora. Así, verá a luz proximamente o Portal da Emigración Galega, que constituirá unha verdadeira plataforma de interrelación entre os membros das comunidades galegas no exterior e promoverá a súa relación co Executivo autonómico. “Este proxecto promete instaurar un verdadeiro mundo de oportunidades que, cada día, irá gañando en calidade e importancia e que fará de Galicia un sementeiro de ideas e apostas económicas, empresariais, educativas, culturais, políticas e institucionais”, detallou Manuel Fraga.

Do total de 141 participantes nesta edición dos Cursos de Especialización, 38 pertencen a outras Comunidades Autónomas, 80 proceden de América e 23 de Europa.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA RECEPCIÓN INSTITUCIONAL AOS PARTICIPANTES NOS CURSOS DE ESPECIALIZACIÓN 2005 EN GALICIA PARA MONITORES E DIRECTORES DE GRUPOS CULTURAIS, ARTÍSTICOS E DEPORTIVOS NA GALICIA EXTERIOR

-“Chegades á terra dos vosos devanceiros, das vosas raíces. Vides desde moi lonxe co obxectivo de afianzar e mellorar os vosos coñecementos en actividades culturais, artísticas e deportivas, disciplinas que se impartirán un ano máis dentro destes Cursos de Especialización, impulsados pola Consellería de Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e de distintas entidades que apostaron a favor da emigración”.

-“Vós sodes os principais protagonistas desta nova Galicia do século XXI, das oportunidades e do intercambio. Os 141 mozos escollidos entre os milleiros de rapaces novos espallados na Galicia Universal sodes o mellor investimento de futuro para estas terras”.

-“Desta realidade xurdiron estes cursos nos que, dentro dunha actividade intercultural, se promove o fomento das actividades culturais e deportivas que realizan as entidades galegas no exterior mediante a motivación e actualización dos coñecementos dos seus monitores”.

-“Queremos contar coa mocidade do exterior para deseñar un escenario no que seguir medrando. En vós está a clave de progreso de calquera sociedade”.

-“Neste senso a vosa incorporación efectiva ás tarefas e responsabilidades asociativas é a mellora maneira de transmitir o amor por Galicia”.

-“O Portal da Emigración Galega, que será presentado proximamente, xorde coma un novo espazo de interrelación de medios e enerxías entre as comunidades galegas e destas con Galicia. Así, este proxecto promete instaurar un verdadeiro mundo de oportunidades que, cada día, irá gañando en calidade e importancia e que fará de Galicia un sementeiro de ideas e apostas económicas, empresariais, educativas, culturais, políticas e institucionais”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia