Skip to main content

Os accidentes laborais con víctimas mortais descenderon en Galicia un 7'4% en 2004

O número de sinistros laborais mortais descendeu en Galicia un 7,4% en 2004 con respecto ao ano anterior, segundo os datos da Consellería de Relacións Laborais. En total, entre os meses de xaneiro e decembro do pasado ano, rexistráronse na Comunidade un total de 87 accidentes laborais mortais, fronte aos 94 do ano anterior. O descenso máis significativo deuse nos sectores da industria (10 accidentes menos) e da construcción (9 menos). No lado contrario, rexistrouse un incremento da sinistralidade na agricultura (pasouse de 1 a 4 accidentes mortais) e no mar (de 14 pasouse a 22; este aumento debeuse en boa parte ao afundimento do pesqueiro Bahía).

Para combater a sinistralidade no mar e no agro, a Consellería de Emprego porá en marcha nos próximos meses dous plans de choque en ámbolos sectores co fin de reducir os accidentes.

Máis dun 20% dos accidentes laborais con resultado de morte producidos o pasado ano tiveron a súa orixe en infartos, derrames e outras patoloxías non traumáticas.

Segundo o cadro de persoal das empresas nas que se produciron accidentes mortais, a maioría deste tipo de sinistros tiveron lugar en empresas que teñen entre 5 e 25 traballadores. Por antigüidade no posto de traballo, sufriron máis accidentes os empregados que levan máis de tres anos na empresa. Atendendo á modalidade de contratación, o 45,98% dos accidentados tiñan contratos indefinidos e o 54,02%, temporais. Ademais, a maioría deles (preto do 30 por cento) tiñan entre 45 e 54 anos e eran, case todos, homes (97,7%).

PLAN ESPECÍFICO DO MAR

A Consellería de Relacións Laborais deseñou un plan de actuación específico para reducir a sinistralidade entre os traballadores do mar con tres obxectivos primordiais: mellorar os hábitos dos profesionais do sector; conciencialos sobre a cultura preventiva; e realizar controis e inspeccións específicas.

En liñas xerais, o plan dividirase en tres apartados. Por unha banda, dotar de medios materiais de supervivencia aos colectivos do mar. Por outra, levar a cabo accións de sensibilización, información, formación e asesoramento técnico en materia de prevención. Neste campo, a formación centrarase en prevención (información para non poñerse en perigo, uso de equipos, capacitación…), supervivencia e búsqueda e salvamento. A terceira vertente é a de control, que se desenvolverá a través das inspeccións pertinentes dos organismos competentes na materia.

INCREMENTO DO CONTROL

A Consellería de Emprego incrementou o pasado ano o número de actuacións para previr a sinistralidade, superando en moitos casos os obxectivos marcados inicialmente. Así, as 2.980 actuacións previstas no sector da construcción incrementáronse ata acadar un total de 4.525, isto é, un 151,85% de cumprimento de obxectivos fixados. Así mesmo, a campaña específica do sector naval na provincia de Pontevedra, cun obxectivo de 100 visitas, foi igualmente superado, ata chegar ás 143.

En total, a Consellería concluiu 1.521 expedientes sancionadores durante o 2004 (A Coruña 575; Pontevedra 617; Lugo 173; Ourense 139).

Ademais, perseguindo a mellora das medidas de loita contra os accidentes, a Consellería de Emprego ten previsto asinar en próximas datas un convenio co Ministerio de Xustiza para aunar esforzos contra a sinistralidade laboral. O acordo baséase en dous puntos fundamentais: o primeiro, incrementar a colaboración entre o Tribunal Supremo e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en casos relacionados con accidentes laborais; o segundo, que en cada provincia galega exista un fiscal especializado en sinistralidade laboral, para levar os casos nesta materia. Galicia será unha das primeiras comunidades en poñer en marcha esta iniciativa.

REFORZO DA PREVENCIÓN A TRAVÉS DO IGASEL

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (IGASEL), creado o pasado ano, coordinará nos vindeiros meses varias actuacións en materia de prevención. Entre elas, os citados plans sectoriais do mar e do agro e outros específicos para sectores de alto risco (metalúrxico, construcción, minería…), ademais de continuar a execución do Plan de Choque contra a Sinistralidade 2004-2005. O recén creado organismo levará a cabo tamén unha campaña dirixida a previr os sinistros laborais que teñen a súa orixe en atropelos ou golpes con vehículos nos propios centros de traballo. Ademais, iniciará unha campaña de control dos servizos de prevención alleos ás empresas.

No ámbito da investigación, coordinará varios estudios. Un dos máis relevantes tratará a incidencia da prevención dos riscos laborais na negociación colectiva –tentando a posteriori a súa regulación convencional– e tamén se executarán varios sobre a causalidade dos sinistros e a súa evolución. No campo formativo, o IGASEL dará apoio á formación impartida polos axentes sociais e ás asociacións sectoriais, ademais de guiar a oferta formativa dos Centros Provinciais de Seguridade e Saúde Laboral.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais