Skip to main content

Pesca modernizará a Lonxa de Camelle cunha poxa electrónica e un sistema informático de etiquetaxe

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, asinou o Plan de Porto de
Camelle nun acto celebrado na confraría de pescadores desta localidade. O titular de Pesca e o patrón maior de vila, Carlos Tajes, rubricaron o documento polo que a Xunta de Galicia modernizará a lonxa de Camelle, dotandoa dunha poxa electrónica e un sistema informático de etiquetaxe, entre outros equipamentos. O plan contempla ademais outras iniciativas como a adquisición dunha cámara frigorífica, unha máquina de xeo e a construcción dunha sala de reunións no local da antiga lonxa. O presuposto previsto para estas e outras actuacións supera os 224.000 euros.

A nova lonxa axudará a recuperar a actividade portuaria de Camelle:

A Consellería de Pesca dotará á lonxa de Camelle de novo equipamento como un taboleiro electrónico de poxa, un sistema informático de etiquetaxe, mesas expositoras, básculas e outros accesorios necesarios para a venda do peixe. A posta en funcionamento desta modernizada lonxa axudará a recuperar a actividade portuaria e evitará que os traballadores
do sector pesqueiro teñan que desprazarse a outras lonxas para vender os seus productos, tal e como viña ocorrendo ata o de agora. A Xunta ten previsto destinar a esta actuación unha partida orzamentaria que ascende ós 121.400 euros.

O porto de Camelle contará tamén cunha cámara frigorífica-conxeladora, que se instalará na planta baixa do antigo local da confraría de pescadores. Coa adquisición desta infraestructura, o peixe conservarase nas mellores condicións e asegurarase o abastecemento continuo de carnada conxelada. Deste xeito, a mercancía que non se vende na poxa do día pode ser almacenada ata a xornada seguinte mantendose igualmente en perfecto estado. Este novo servizo pretende mellorar a calidade de vida dos mariñeiros, xa que evitará que se teñan que desprazar continuamente ós portos límitrofes na procura de carnada. A iniciativa conta un investimento inicial superior ós 50.000 euros.

Máquina de xeo cunha capacidade de producción de 400 quilos diarios:

O Plan de Porto de Camelle inclúe tamén a instalación dunha máquina de xeo ó caron da nova lonxa. Terá unha capacidade de producción de 400 quilos diarios e estará provista dun depósito de almacenaxe de xeo. Ó igual que a cámara frigorífica, esta infraestructura está destinada á boa conservación do peixe.

Por outra banda, co obxectivo de mellorar as condicións laborais dos traballadores, o Goberno galego instalará na rampla de Arou un novo cabrestante para varar as embarcacións. Este sistema reducirá notablemente o esforzo dos mariñeiros, xa que ata o de agora facían este traballo de xeito manual.

Por último, o protocolo de investimentos contempla a construcción dunha sala de 120 metros cadrados dotada de todo o equipamento informático e audivisual necesario para levar a cabo reunións ou outras actividades como cursos de formación. A Consellería de Pesca ten previsto investir nestas obras máis de 25.000 euros.

Visita de López Veiga ás obras de construcción da lonxa de Camariñas e ó minicriadeiro de ameixa:

Trala sinatura do protocolo de investimentos de Camelle, o titular de Pesca da Xunta desprazouse a Camariñas para ver a evolución dalgunhas das actuacións contempladas no seu Plan de Porto. López Veiga visitou as obras de construcción da lonxa e acudiu ás instalacións do minicriadeiro de ameixa. Ambas infraestructuras estan recollidas no Plan de Porto desta vila, presentado en xaneiro do pasado ano 2004.

A Xunta investe máis dun millón de euros nestas actuacións:

O Goberno galego investiu máis dun millón de euros nestas dúas actuacións. A construcción do minicriadeiro, ó que a Xunta destinou máis de 420.000 euros, ten como obxectivo aumentar a producción marisqueira da localicade de Camariñas, xa que dispón de capacidade para xerar en torno a 15 millóns de unidades de semente de ameixa babosa, xaponesa e fina, que posteriormente serán engordadas e sementadas nas praias.

Por outra banda, a Consellería de Pesca investiu neste porto preto de 600.000 euros na creación dun edificio multiusos de dúas plantas. Na planta inferior estase a construir a lonxa, dunha superficie aproximada de 650 metros cadrados, e que contará con almacéns, garaxe e vendedurías para as diferentes especies. Coa nova instalación os mariscadores e os armadores locais poderán controlar todo o proceso, desde a pesca ata a comercialización do peixe.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia