Skip to main content

Educación atenderá as necesidades dos centros educativos do concello de Teo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, recibiu, no seu despacho de San Caetano, ao alcalde do Concello de Teo, Armando Blanco Martínez, co ánimo de abordar os principais aspectos relacionados co ámbito educativo nesta localidade coruñesa.

No transcurso do encontro, ambos dirixentes analizaron o escrito que, previamente, o Concello de Teo lle enviara á Consellería de Educación, no que se detallaban as obras e melloras que consideran necesarias nos centros educativos teenses.

Currás comprometeuse a estudar detidamente estas necesidades e a acometer as obras precisas por orde de urxencia, de xeito inmediato. Así, nos próximos días, representantes da Consellería procederán a visitar o CEIP “A Igrexa”, de Calo, o CEIP da Ramallosa e o CEIP “Os Tilos”, así como o IES de Cacheiras, a fin de colaborar cos seus equipos directivos e comunidades educativas e concretar esas reparacións para ir acometendo as máis urxentes.

Unha vez se vaian decidindo as actuacións, está previsto que o titular da Administración educativa realice unha visita ao concello para comprobar de primeira man a situación destes centros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia