Skip to main content

Destínanse 390.000 euros a subvencionar 20 festivais galegos de música e de escena

A Xunta de Galicia subvenciona este ano por valor de 390.000 euros un total de 20 festivais escénicos e musicais galegos, tal como se recolle na resolución publicada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A convocatoria deste ano, á que puideron acollerse eventos celebrados en Galicia entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017, destina 220.000 euros para 11 festivais de música e 170.000 euros para os de teatro, danza e demais disciplinas escénicas.

A través destas axudas, a Xunta de Galicia busca contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos nestes sectores culturais. De feito, o texto da convocatoria fai especial fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.

Citas por toda Galicia

Os festivais musicais beneficiarios este ano son o Resurrection Fest en Viveiro, WOS Festival en Santiago, Sinsal Son Estrella Galicia na Illa de San Simón (Redondela), Portamérica en Caldas de Reis, Festival da Luz en Boimorto, SonRías Baixas en Bueu, Cantos na Maré en Pontevedra, Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), FIV de Vilaba, Festival V de Valarés de Ponteceso e Festival de Jazz de Lugo.

En canto aos encontros escénicos, reciben subvención o FIOT de Carballo, Galicreques de Santiago, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, FITO de Ourense, Mostra de Teatro de Cariño, Festival de Títeres de Redondela, Festiclown en Vilagarcía, Corpo(a)terra de Ourense e Festival de Teatro Galego do Carballiño. Na colaboración da Xunta de Galicia cos festivais de teatro galego, hai que engadir o apoio que se presta á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, cofinanciada mediante un convenio asinado entre a Agadic e o concello ribadaviense por valor de 60.000 euros.

As cantidades adxudicadas para cada modalidade, concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva e despois da aplicación do baremo especificado nas bases por dúas comisións con expertos independentes, oscilan entre os 50.000 euros que recibirá o Resurrection Fest e os 2.459,20 euros outorgados a Cantos na Maré.

A relación de festivais adxudicatarios, entidades solicitantes, puntuacións acadadas e contías resultantes pode consultarse no web da Agadic.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia