Skip to main content

Peripheral Visions / Global Sounds analiza a explosión creativa galega do posfranquismo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou no Pazo de San Roque o libro do profesor da Universidade neozelandaesa de Auckland José Colmeiro “Peripheral Visions / Global Sounds: from Galicia to the World”.

O titular de Política Lingüística considerou que a publicación “dunha obra sobre a cultura galega recente, redactada en inglés, nunha editorial británica e desde unha universidade neozelandesa é unha mostra do crecente interese internacional pola lingua e a cultura galegas, ao que contribúe, e non pouco, a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, que terá acceso á publicación por seren os seus centros focos de emisión continua de cultura galega”.

A canda Valentín García, participou na presentación do libro José Colmeiro, profesor da Universidade de Auckland (Nova Zelandia) e autor de “Peripheral Visions / Global Sounds: from Galicia to the World”.

Cultura audiovisual galega na era global

“Peripheral Visions / Global Sounds: from Galicia to the World” analiza a produción audio/ visual contemporánea en Galicia como canle privilexiada a través da cal as modernas identidades culturais galegas son construídas e consumidas, tanto dentro como fóra da comunidade. O libro analiza a explosión creativa galega tras o proceso de transformación política e cultural do posfranquismo nun diálogo produtivo con correntes globais e cunha considerable proxección alén das fronteiras xeopolíticas. Así, o autor explora a redefinición cultural de Galicia na era global a través de diferentes medios (cine, video, animación, rock, música popular) que cruzan as fronteiras establecidas e desterritorializan as novas zonas fronterizas onde a tradición e a modernidade se disolven, xerando tensións creativas entre o urbano e o rural, o local e o global, o real e o imaxinado.

A obra aposta pola desperiferalización e desterritorialización do mapa cultural galego superando as exclusións hexemónicas tradicionais, sexan baseadas na disciplina, no xénero, nas orixes ou na demarcación territorial, mentres pretende desvincular a dicotomía centro/periferia que historicamente relegou a cultura galega ás marxes.

Esta é a primeira vez que un libro sobre a cultura visual e musical da Galicia contemporánea é publicado en inglés, o que reflicte o crecente interese pola cultura galega no mundo académico internacional. A obra será distribuída na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, presente en 35 universidades de Europa e América.
José Colmeiro

José Colmeiro (Vigo, 1958), autor de “Peripheral Visions/Global Sounds. From Galicia to the World” (2017) é doctor pola University of California, Berkeley, en literaturas hispánicas (1989). Na actualidade ocupa a cátedra “Príncipe de Asturias” na University of Auckland (Nova Zelandia). Anteriormente foi profesor nas universidades estadounidenses de Dartmouth College e Michigan State. Ten 12 libros publicados e numerosos artigos académicos sobre estudos culturais, literatura, cinema e cultura popular en inglés, castelán e galego. Entre as súas obras recentes destaca, pola súa difusión en Galicia, “Galeg@s sen fronteiras: Conversas sobre a cultura galega no século XXI” (Xerais 2013).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia