Skip to main content

Arranca o curso 2017-2018 na ESO, Bacharelato, FP e as Ensinanzas de Réxime Especial

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aposta do ensino galego por anticipar as necesidades que terá a nosa sociedade no futuro, co plurilingüismo e a educación dixital e tecnolóxica.

“Na Galicia de mañá, todos os alumnos do ensino obrigatorio galego terán a posibilidade de educarse nun sistema plurilingüe; poderán acceder a formación en robótica e programación; haberá un bacharelato de excelencia que aposte polas ciencias e as matemáticas; e todos contarán con acceso ao libro dixital”, aseverou.

Durante unha visita ao IES Eduardo Blanco Amor con motivo do inicio do curso na ESO, bacharelato, FP e as ensinanzas de réxime especial, Feijóo subliñou que todas estas medidas xa están deseñadas na folla de ruta que segue o ensino galego, como a Estratexia galega para a educación dixital 2020, aprobada onte no Consello da Xunta.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico lembrou que, a día de hoxe, son xa máis de 100.000 os mozos de colexios e institutos que reciben un ensino plurilingüe; hai máis de 80 centros educativos que imparten educación plurilingüe en infantil e outros catro que a introducen no bacharelato; e, nos últimos tres cursos, se puxeron en marcha 13 materias de libre configuración autonómica, como Oratoria ou Métodos estatísticos.

Nesta mesma liña, salientou que en Galicia o transporte escolar é totalmente gratuíto e chega a preto de 90.000 alumnos.

Feijóo destacou o esforzo e a implicación de toda a comunidade educativa que fixo posible que, entre 2009 e 2016, Galicia reducise a taxa de abandono escolar temperán pasando do 26% ao 15%.

Así mesmo, recordou que o 92% do alumnado con necesidades educativas especiais está plenamente integrado na educación e estuda nos mesmos centros que os seus compañeiros, grazas ao excelente labor dos máis de 3000 profesionais que lles brindan atención.

O titular da Xunta rematou agradecendo o traballo do profesorado e a súa aposta polo futuro e por contribuír a facer unha Galicia máis libre, máis solidaria e máis culta.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia