Skip to main content

Gábase a figura de Fernández Albor como un líder tranquilo e integrador

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia repasou os grandes fitos históricos desde o nacemento de Fernández Albor, en 1917, posto que, segundo salientou, "non se pode entender a súa historia propia sen analizar o contexto histórico e internacional; a historia profesional e persoal de Albor é a historia de todos nós, da Galicia contemporánea". Así mesmo, o conselleiro agradeceu o traballo dos organizadores do simposio, coordinado polo foro Galicia Milenio, por relembrar a unha das figuras clave da Galicia autonómica.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la USC:

O reitor Juan Viaño presidiu a inauguración do simposio internacional ‘Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente’, que se desenvolve en Compostela ata o sábado 16. Na sesión inaugural participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva Álvarez; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; e o presidente do Comité Organizador, o profesor Marcelino Agís Villaverde. Entre os asistentes atopábanse numerosas personalidades, como o reitor da Universidade da Coruña Julio Abalde, a valedora do Pobo, Milagros Otero, ou o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, entre outros.

Este simposio internacional arredor de Fernández Albor é “unha homenaxe merecida”, en palabras de Juan Viaño, que permite facer un “repaso e un balance da súa relevante traxectoria vital e política e das súas achegas a engrandecer a nosa Galicia”. A intervención do reitor aludiu á traxectoria vital do ex presidente autonómico e particularmente á súa vinculación coas aulas universitarias e coa USC, ás que accede no curso 1933-1934 para iniciar estudo de Medicina. Como presidente da Xunta de Galicia, o reitor cualificou e “incuestionable” a consideración que sempre tivo coa institución universitaria “pois non concibía o crecemento social sen a compaña do labor da Universidade”. Foi quen de “ver máis alá e de identificar o valor que esta institución podía achegar á sociedade”, engadiu o reitor.

Ao longo das dúas xornadas –a do sábado desenvolverase na Cidade da Cultura– sucederanse diversos relatorios e mesas redondas e de debate agrupados en paneis temáticos sobre acontecementos históricos do século pasado, a escola médica compostelá, o rexurdir da cultura e das institucións galegas, os alicerces da Galicia autonómica e as novas realidades políticas nos contextos galego, español e europeo.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, pronunciou horas a conferencia inaugural titulada ‘Xerardo Fernández Albor e o galeguismo político do século XX’, á que seguiu a mesa redonda ‘Un compostelán chamado Xerardo Fernández Albor’. Deseguido foi a quenda do segundo panel do encontro, centrado na escola médica compostelá e na que se abordará coa participación de docentes da USC a transformación da práctica clínica hospitalaria en Compostela.

Pola tarde, ás 16.00 horas comeza o panel sobre o rexurdir da cultura e das institucións galegas cun mesa redonda na que participarán representantes de Editorial Galaxia, da SEPT, da Fundación Penzol e da Real Academia Galega. Esta xornada complétase co bloque temático dedicado aos ‘Alicerces da Galicia Autonómica’.

No acto de clausura, presidido o sábado 16 a partir das 13.30 horas polo presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, entregaráselle a Fernández Albor a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, concedida polo Consello de Ministros o 9 de xuño de 2017.

Con anterioridade, ás 10.00 horas comezará o derradeiro panel do encontro, sobre ‘As novas realidades políticas en Galicia, España e Europa’, e que contará coa conferencia do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, titulada ‘O nacemento da Autonomía galega’ e coa celebración da mesa redonda ‘Da España das autonomías á Europa unida’. Completarán a quenda de intervencións o ex ministro Marcelino Oreja Aguirre e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que pronunciará a conferencia de clausura, titulada ‘Galicia e os desafíos do Estado das Autonomías’.

Paralelo ao simposio, os organizadores montaron unha exposición fotográfica con documentos cedidos por varias institucións e a propia familia de Fernández Albor. A mostra, que comisaría José M. García Iglesias, poderá visitarse o venres 15 no Colexio de Fonseca e o sábado na Cidade da Cultura
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Gabinete de Comunicación da USC