Skip to main content

Un total de 1.577 mozos sometéronse ás probas de alcolemia nas carpas do Proxecto Dummie

Un total de 1.577 mozos pasaron polas carpas do proxecto Dummie no primeiro día da segunda edición do programa, promovido pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. Os dummies visitaron na noite do xoves ao venres as localidades de Ourense, Vigo, Lugo e Vilagarcía.

En cada un dos lugares instalouse unha carpa informativa, situada preto dos lugares de ocio. Os participantes, entre as 23 horas e as 4 da madrugada nos denominados “postos de control”, realizaron unha proba de alcolemia e cubriron un test sobre o seu grao de coñecemento en aspectos relacionados co mundo do automóbil.

En Ourense foron 431 os rapaces que se someteron á proba, cun resultado de 165 positivos; en Vigo, 427, con 52 positivos; en Lugo, 438, con 86 que superaron a taxa permitida, e en Vilagarcía de Arousa, 281, con 26 por enriba do límite.

Os dummies volverán a visitar estas cidades agás a de Lugo, cuxas carpas se trasladarán a Ferrol. En concreto estarán na praza das Mercedes de Ourense, no Arenal de Vigo, na zona TIR de Vilagarcía e na praza de Armas de Ferrol. Xa na madrugada do sábado ao domingo as localizacións serán Pontevedra, Ferrol, Lugo e Santiago. O proxecto reiniciará a súa andadura no mes de xuño.

Nas carpas distínguense catro zonas de actividade. A primeira dedícase a respostar un test verdadeiro-falso de cinco preguntas relacionadas co alcol e a conducción, e un pasatempo consistente en buscar cinco diferenzas entre a boa e a mala conducta ao volante. Na segunda área está o control de alcolemia, onde o interesado poderá comprobar o seu nivel de alcol en aire aspirado. No caso de que a taxa sexa 0.0 entregaráselle un boneco antiestrés dummie. A terceira parte ten como obxectivo a realización dunha enquisa, e, por último, ubícase a zona dos agasallos que se entregan aos mozos pola súa participación.

EXPERIENCIA E CIFRAS

A iniciativa da Dirección de Voluntariado estase a completar con charlas formativas duns 45 minutos en centros educativos coas que se trata de concienciar á xuventude galega dos perigos da mestura de alcol e conducción, e da importancia da prevención e a precaución ao volante. Esta actuación tamén inclúe aos sete campus galegos.

O programa Dummie, que leva por lema “Non sexas dummie, controla o que bebes”, púxose en marcha no ano 2004, cun proxecto piloto que se desenvolveu durante catro días de Semana Santa e que continuou durante os meses de verán. Durante a época estival as carpas estiveron en trinta concellos galegos obtendo unha participación de 40.044 persoas. A Xunta pretende nesta edición chegar a 60.000 mozos e mozas e visitar 50 concellos.

En 2004, durante a Semana Santa, realizáronse un total de 3.149 test, dos que 441 deron positivos, o que significou un 14% dos que se someteron á proba. Por sexos, os homes constituiron o 77,7% dos que superaron a taxa permitida e as mulleres, o 22,3%. No verán foron 7.980 os positivos (un 19,93% do total), cun 76% de homes e un 24% de mulleres.

Na madrugada do Xoves Santo ao Venres Santo do pasado ano 2004, na campaña tomaron parte 1.045 mozos e mozas nas localidades de Ferrol, Vigo, Vilagarcía e Ourense, cun total de 159 positivos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia