Skip to main content

Xunta e Instituto Cervantes recuperan a obra fotográfica de Pestana cunha exposición en Madrid e no Gaiás

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o director de Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet, anunciaron na Cidade da Cultura de Galicia que ambas institucións organizarán de xeito conxunto unha gran exposición para recuperar e pór en valor a obra de Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo. 1917-2015), fotógrafo galego descoñecido para o gran público, pero un referente da imaxe segunda metade do século XX.

A exposición, titulada ‘Pestana, a verdade entre as más’, inaugurarase o 15 de febreiro na sede do Cervantes en Madrid e chegará o 27 de abril ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), onde poderá visitarse ate o 2 de setembro. O proxecto está comisariado pola galega Chus Villar e polo escritor Juan Bonilla, e conta coa implicación dos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, responsables dos fondos.

Na mostra, a máis ambiciosa realizada até o momento sobre Pestana, exhibiranse 150 fotografías, imaxes de denuncia social e retratos de escritores e intelectuais, como Pablo Neruda, García Márquez, Vargas Llosa, Man Ray ou Dizzy Gillespie. O visitante poderá seguir o seu periplo vital nas tres cidades nas que se enmarca a vida de Pestana antes de regresar a Galicia: Bos Aires, Lima e París.

Rescatar do esquecemento

Román Rodríguez subliñou a transcendencia dun proxecto que “rescatará dun inxusto esquecemento a un mestre da cámara descoñecido para o gran público” e permitirá pór en valor a un galego “que viviu conectado á escena cultural do seu tempo”, deixando imaxes imprescindibles para achegarse á efervescencia artística do Perú dos anos cincuenta ou ao boom latinoamericano da década dos sesenta en París.

Juan Manuel Bonet comprometeu os esforzos do Instituto Cervantes para dar a coñecer dentro e fóra de España a obra de Pestana, situándoo no lugar que lle corresponde entre os grandes fotógrafos da segunda metade do século XX.

A presentación do proxecto contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, da directora da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, dos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, e dun dos comisarios da exposición, Chus Villar, quen chamou a atención non só sobre a “calidade artística” das fotografías, senón tamén sobre a “extraordinaria biografía” dun galego que percorreu o mundo cunha “ollada sensible e intuitiva, de admiración, de humildade e de interese polo detalle, por riba da procura do espectáculo”.

Precisamente para achegarse á vida e ao universo creativo de Pestana, con motivo da exposición exhibirase tamén o documental ‘A imaxe reb/veleda’, produción dirixida por Andrea Vázquez García, producida por Miramemira e que se gravou durante os últimos anos de vida do fotógrafo, despois do seu regreso a Galicia.

Homenaxe a Casares no Cervantes

Con esta exposición, a Xunta e o Instituto Cervantes continúan nun estratexia de colaboración para pór en valor figuras da cultura galega aproveitando a capacidade de proxección da Cidade da Cultura e a rede de centros do Instituto Cervantes no exterior. Precisamente a exposición ‘José Suárez, uns ollos vivos que pensan’, producida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, ten viaxado da man do Cervantes a París, Toquio e, actualmente, atópase en Nova Delhi.

Nesta mesma liña de colaboración institucional, o director do Cervantes e o conselleiro de Cultura anunciaron hoxe que o vindeiro 19 de decembro se lle vai facer unha homenaxe Carlos Casares na sede madrileña do Instituto Cervantes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia