Skip to main content

A aposta de Navantia pola innovación cara a eólica mariña permite a Galicia ser un 'firme aliado' de Iberdrola

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou en Fene, durante unha visita ás instalacións de Navantia na ría de Ferrol, que a aposta da compañía pola innovación e a diversificación cara a eólica mariña permite a Galicia ser un “firme aliado” de Iberdrola neste sector.

Na visita, na que estivo acompañado polo presidente de Navantia, Esteban García Vilasánchez, e o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, o conselleiro puido comprobar o avance nos traballos de fabricación dos 42 jackets para o parque East Anglia One, un proxecto cun investimento de 150 millóns de euros e que está xerando un millón de horas de carga de traballo o que permite contar con 800 empregados.

Na súa intervención, Conde incidiu en que hai tres anos que Galicia, da man de Navantia, apostou pola eólica mariña grazas ao encargo de Iberdrola para a construción de 29 jackets no parque de Wikinger e lembrou que tras este primeiro contrato viñeron outros tres: un con Statoil, outro con Siemens e o actual, con Iberdrola, que Navantia está a desenvolver con Windar.

“Todo isto permítenos constatar que esa aposta de Navantia é unha realidade que xa se consolidou e que permite á empresa diversificar a súa actividade”, asegurou o conselleiro quen agradeceu a Iberdrola a confianza depositada en Galicia tanto para realizar o primeiro encargo como para renovala con este segundo pedido “que abre as portas para que a Comunidade e Navantia poidan ter unha importante presenza na eólica offshore”.

Así, Conde puxo en valor a profesionalidade tanto de Navantia e Windar, como das empresas auxiliares, que permiten desenvolver un traballo de calidade cumprindo os prazos; e agradeceu o esforzo dos traballadores, lembrando que o naval é un sector que emprega a 15.000 persoas na comarca de Ferrolterra.

O conselleiro afirmou que a diversificación e a innovación son os elementos que abriron novas oportunidades a Navantia e ao naval galego e incidiu na importancia de consolidar esta liña de traballo para o futuro. Neste sentido, o Goberno galego, nos últimos anos, leva mobilizado máis de 40 millóns de euros para apoiar a innovación no sector naval beneficiando ao tecido empresarial, a través de programas como Interconnecta, Conecta Peme ou as Unidades Mixtas de Investigación.

Conde finalizou trasladando unha mensaxe de unidade ao sector naval asegurando que a unión de esforzos entre a Administración, o sector naval e máis as empresas auxiliares, a través do diálogo, posibilitará seguir marcando fitos
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia