Skip to main content

A Xunta dedica 1'5 millóns de euros a axudas para os gandeiros afectados por programas de erradicación de enfermedades animais

Estas axudas son de tres tipos: indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando, compensacións polo lucro cesante debido á inactividade e axudas para a compra de gando que teña como obxecto a reposición de reses sacrificadas.

INDEMNIZACIÓN POR SACRIFICIO OBRIGATORIO

Os propietarios de explotacións gandeiras onde se sacrifican animais por motivo de execución dos programas de erradicación de brucelose bovina, ovina e cabrúa, tuberculose bovina e dos animais e dos produtos sacrificados e destruídos por encefalopatias esponxiformes transmisibles poderán recibir indemnizacións procedentes dun orzamento que no caso de programas sanitarios especiais ascende a 700.000 euros, e no caso de compensacións por encefalopatias esponxiformes á 50.000 euros.

Os destinatarios destas axudas son os propietarios dos animais para os que se establece o sacrificio obrigatorio e os produtos para os que se establece destrución obrigatoria. O trámite das axudas faise a medida que se van sacrificando animais e en cada resolución tense en conta os animais afectados e sacrificados nese momento. Un mesmo beneficiario pode ser destinatario de sucesivas axudas a medida que se van sacrificando animais e se van tramitando as correspondentes indemnizacións. A contía desta axuda dependerá do número de animais que se sacrifican e do valor das reses dacordo co baremo oficial. No caso das encefalopatías se o baremo é inferior ao valor real no mercado, incrementase cunha achega para que sexa equivalente.

COMPENSACIÓNS POLO LUCRO CESANTE

Ademais, os titulares de explotacións gandeiras poderán recibir compensacións económicas polo lucro cesante debido á inactividade provocada ao decretar a obrigatoriedade do baleiro sanitario das explotacións gandeiras, mentres dura o período de corentena e se acada a reposición dos animais. Preténdese reparar os danos causados ao propietario ante o establecemento de medidas dentro dun programa de erradicación de enfermidades animais, dos que en ningún caso se pode facer responsable ao titular da explotación.

O orzamento dedicado a estas compensacións é de 550.000 euros, un importe que pode verse incrementado en sucesivas achegas. A contía das axudas a cada gandeiro varía dependendo dos datos produtivos que teña declarados oficialmente esa explotación e do tempo que perdura a inactividade total ou parcial. Os cálculos do importe da axuda que lle corresponde a cada destinatario fanse en función duns valores estándar de marxes brutas relativas a cada tipo de actividade gandeira e aplicado ás unidades de produción que figuran asignadas a esa explotación gandeira. Despois tense en conta o número de días de inactividade de todas ou parte das unidades de produción.

AXUDAS PARA A REPOSICIÓN DE RESES

Por último, os gandeiros tamén poderán acceder a axudas para a compra de animais bovinos para reposición de reses daquelas explotacións nas que foi ordenado o sacrificio de animais como consecuencia da execución de programas de erradicación de enfermidades dos animais. A finalidade destas axudas é compensar as perdas naqueles casos nos que coas indemnizacións por sacrificio obrigatorio non se acada o valor de adquisición de novos animais similares aos sacrificados e consecuentemente non resultaría factible repoñer eses animais.

O orzamento dedicado a esta finalidade é de 200.000 euros, un importe que poderá verse incrementado con sucesivas achegas. A contía das axudas dependerá do número de animais sacrificados e das súas características produtivas, así como o valor dos animais que se compran para repoñer os efectivos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia