Skip to main content

Asuntos Sociais reformará a rede de oficinas de emprego da Xunta para optimizar os seus resultados

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais iniciará este ano a reforma das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, co fin de optimizar os seus resultados. Outra das liñas de actuación do departamento autonómico para este exercicio é o desenvolvemento dun plan de formación do sector téxtil co obxectivo de mellorar a cualificación dos recursos humanos para afrontar fenómenos como a deslocalización empresarial, en resposta ás demandas do sector.

REFORMA DAS OEX

As principais modificacións das oficinas de emprego da Xunta (OEX) xirarán arredor de tres eixes: a redistribución xeográfica dos centros, unha maior introducción das tecnoloxías da comunicación no seu funcionamento e máis implicación dos técnicos de emprego co entorno local, a través da formación específica. Está previsto que o programa de revisión das oficinas de emprego da Xunta conte con 4,7 millóns de euros a investir entre 2005-2007.

Enmarcado dentro do Plan de Modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, esta iniciativa consiste en establecer unha estructura territorial máis acorde coas necesidades actuais dos usuarios do Servizo Público de Emprego e unha serie de medidas complementarias encamiñadas a facer que a permanencia como demandante de emprego sexa o máis curta posible e, ao mesmo tempo, ofrecer alternativas que conten coas circunstancias de cada individuo mediante unha atención personalizada. O Servizo Público de Emprego debe, necesariamente, reforzar a súa presencia e as súas actuacións tanto no ámbito dos demandantes de emprego como no ámbito das empresas, dando un valor engadido aos servizos de intermediación laboral.

No referente a unha maior introducción das tecnoloxías da comunicación na rede do Servizo de Emprego, preténdese optimizar o seu uso para mellorar a atención ao cidadán, facilitándolle o acceso dende a súa casa ao seu curriculum, ás ofertas laborais e a outros servizos. En canto ao achegamento dos técnicos de emprego á realidade local, búscase unha maior implicación destes traballadores coa súa área de operacións, que se potenciará a través da formación especializada.

Trátase, en definitiva, de reforzar o carácter dinamizador da rede de oficinas públicas de emprego, participando activamente na dinamización do seu entorno socioeconómico mediante a colaboración con tódalas entidades do seu ámbito de influencia, fomentando a empregabilidade en xeral e, especialmente, nos colectivos máis desfavorecidos e con maior dificultade de acceso ao mercado de traballo.

FORMACIÓN NO SECTOR TÉXTIL

Por outra banda, a Consellería de Emprego porá en marcha o Plan Estratéxico do Sector Téxtil, que aposta pola mellora da cualificación dos recursos humanos para afrontar fenómenos como a deslocalización empresarial. O Estudo das necesidades formativas do sector téxtil e da confección en Galicia servirá de base para deseñar políticas activas de emprego, como os cursos de formación ocupacional. O informe revela que, o perfil medio do empregado do téxtil é muller, duns 36 anos de idade, e cun alto grao de flexibilidade e polivalencia, o que lle permite asumir diferentes competencias, especialmente nas pequenas empresas. Sen embargo, o nivel de estudos (baixo) non se corresponde co nivel de cualificación asociado ás diferentes ocupacións.

O estudo sinala que é preciso solventar a falla de formadores específicos; posibilitar que os operarios se adapten a distintas funcións; e adaptar a formación de traballadores para facer fronte ás novas normativas de prevención de riscos laborais e xestión medioambiental; así como fomentar a imaxe de creación de moda da industria téxtil galega, creando marcas propias que aumenten o valor engadido da prenda.

CAMBIOS

O sector téxtil e da confección é un dos de mellor posicionamento estratéxico na economía galega, cunha importancia crecente no panorama nacional e internacional. Así, o estudo constata a modernización da maquinaria do sector, que tende cada vez máis á informatización, e que crea a necesidade de formar ao traballador no seu uso e nas diferentes aplicacións que se lle poden dar. O informe sinala tamén a falta de asociacionismo no téxtil e propón promover proxectos de cooperación entre as empresas, co fin de favorecer a obtención de axudas, asesoramento, etc.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia