Skip to main content

O Laboratorio de Consumo analizou en 2004 máis de 300 produtos

O Laboratorio de Consumo de Galicia analizou o ano pasado 309 mostras de produtos diversos, sobre as que practicou un total de 2.561 ensaios para comproba-lo cumprimento doutros tantos parámetros legalmente establecidos.

O maior número de mostras analizadas en 2004 polo Laboratorio corresponde ás remitidas polo Instituto Galego de Consumo como consecuencia das reclamacións dos consumidores. Cabe salientar que este grupo desta procedencia ven rexistrando un aumento constante nos últimos anos, xa que pasou das 159 mostras remitidas por este motivo en 2002, a 164 en 2003, e 227 o ano pasado. Tamén sigue crecendo a actividade propiciada polos particulares, especialmente por empresarios téxtiles, dende as 11 de 2002 ás 26 de 2004.
Dos 2.561 ensaios realizados, detectáronse irregularidades en 424, o que significa un incumprimento no 16’55 % dos casos, superior ó apreciado en 2003 (10’5 %).

Os datos avalan a idoneidade do Laboratorio Galego de Consumo como un instrumento de carácter técnico de gran valor para comproba-las reclamacións dos consumidores, ó tempo que se consolida como unha das ferramentas de apoio do IGC na súa labor de inspección de mercado.

RECLAMACIÓNS

Dos 227 produtos remitidos ó Laboratorio como consecuencia de reclamacións de consumidores, o 77 % eran produtos téxtiles e calzado. Especialmente (144 mostras) tratábase de prendas de vestir (mesmo traxes de noiva, comunión ou festa), pero tamén roupa da casa (edredóns, colchas, cortinas).

Dado que boa parte destas reclamacións van dirixidas contra tinturerías, as comprobacións do Laboratorio resultan relevantes á hora de avalia-la actuación destes establecementos. De feito, nunha alta porcentaxe dos ensaios detéctase que o resultado do lavado ou limpeza nas tinturerías ven inducido por un mal etiquetado da prenda, que garante unha resistencia da mesma a determinados tratamentos que non é real. Os ensaios téxtiles abranguen dende a identificación das fibras ata a solidez das tinturas, a resistencia ó pilling (formación de boliñas nos tecidos) e á abrasión, ou comportamento ante o lume.

En 2004 aumentou tamén notablemente o número de teléfonos móbiles que foron obxecto de análise por parte do Laboratorio. Foron, en total, 33 os aparatos procedentes de reclamacións que foron examinados; na metade dos casos, detectáronse irregularidades. Polo xeral, as queixas están motivadas a fallos que, segundo os servizos técnicos das compañías, non son cubertos polas garantías.

Xoias, mecheiros, compoñentes informáticos e unha cámara de fotos completan este grupo. Dos 1.162 ensaios realizados en total, detectáronse anomalías en 302.

Por procedencia das reclamacións, foi a provincia de A Coruña a que remitiu o maior número de mostras, 94, seguida de Ourense, con 82, Pontevedra, 37, e Lugo, con 15.

CAMPAÑAS

Xoguetes, guirnaldas e material de entroido centraron as campañas de inspección de 2004, durante as cales se recolleron 42 mostras para comprobación no Laboratorio. No primeiro caso, foron 18 xoguetes mecánicos e eléctricos e cinco monecos de peluche, nos que non se detectou ningunha irregularidade. Situación distinta foi o das 12 guirnaldas examinadas, sobre as que se realizaron 693 ensaios, con apreciación de 23 parámetros incumpridos. Tamén se comprobaron 12 incumprimentos nos 40 ensaios feitos nos sete produtos de entroido (perrucas, caretas e disfraces).

No que atinxe ós produtos infantís, o Laboratorio verifica as instrucción e advertencias de uso e o cumprimento da normativa europea relativa á seguridade. Se hai elementos de aparataxe mecánica ou eléctrica, compróbase a seguridade, consumo de enerxía e funcionamento.

Téxtiles, libros, calzado, peluches, produtos de limpeza e cosmética foron tamén remitidos polos servizos do IGC como consecuencia das inspeccións de oficio, que motivaron 116 ensaios.

COLABORACIÓN CON EMPRESAS

Dentro do apartado de particulares, son as empresas, sobre todo do sector téxtil, as que máis recurren ós servizos do Laboratorio Galego de Consumo. A experiencia acumulada por esta entidade durante os seus dez anos de funcionamento convírteo nun instrumento técnico axeitado tamén para a industria.

Das 26 mostras clasificadas neste apartado, doce son trozos de tela ou de tecidos remitidas por empresas téxtiles para comprobar que reúnen as garantías debidas; outras trece son prendas de vestir, e unha corresponde a un xoguete infantil.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia