Skip to main content

Prestixiosos expertos tratarán o problema da obesidade no marco do II Salón Internacional da Saúde

Prestixiosos expertos a nivel internacional participarán na Xornada Científica sobre Obesidade que se celebrará o 14 de abril en Santiago, no marco do II Salón Internacional da Saúde. Segundo o doutor Felipe Casanueva, xefe da Unidade de Desordes Alimentarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, os datos indican que os problemas de sobrepeso afectan ao 40% da poboación española e ao 14% do grupo de nenos e mozos, resultados que son semellantes a nivel galego. Datos reveladores que se explican principalmente pola conxunción de dous factores: o sedentarismo e a inxesta dunha cantidade de alimentos ricos en calorías moi superior ao que se consume en esforzo e actividade física, polo que estas calorías “se asentan no corpo en forma de graxa, dando lugar á aparición da obesidade”, explica o doutor Casanueva, que será o encargado de presentar esta reunión do SIS de especialistas no tema.

O principal problema que trae consigo a obesidade non é o estético, senón o de que pode derivar nun aumento dos niveis de colesterol malo en sangue, a hipertensión arterial ou determinados tipos de cancro, “polo que estamos falando dunha epidemia que orixinará unha sociedade enferma”, advirte Casanueva Freijo.

Esta Xornada da segunda edición del Salón Internacional da Saúde será unha oportunidade única para falar dos tratamentos existentes na actualidade para loitar contra a obesidade, así como para dar a coñecer aqueles fármacos e métodos que chegarán nun futuro inmediato ao mercado. Entre os profesionais que estarán presentes no Salón, destaca o doutor italiano Valerio Cigaina, creador do “estimulador gástrico”, que se perfila como unha alternativa moi eficaz ante o que xa se coñece como a gran pandemia do século XXI.

O 14% DOS NENOS CON PROBLEMAS DE SOBREPESO

A prevención é a única vía para combater esta enfermidade, comezando a actuar desde as idades pediátricas, onde os problemas de sobrepeso afectan xa ao 14% da poboación. Neste sentido, os expertos sinalan que é preciso concienciar a pais e nais de que, para evitar problemas futuros, se debe cambiar tanto a forma de alimentación como o modo de vida.

O cambio de hábitos que experimenta a sociedade occidental derivou nun aumento dos casos de obesidade infantil. O sedentarismo, as horas sentados diante do televisor, a videoconsola ou o ordenador, a falta de exercicio e as comidas rápidas, axudan a consolidar este problema entre nenos e mozos. Comer sano e ben, evitando os alimentos ricos en graxas e as présas, son algúns dos consellos que dan os profesionais médicos. Un dato a tener en conta é que está demostrado que os nenos que non almorzan teñen máis tendencia a padecer problemas de sobrepeso e chegar a seren obesos.

Por outra banda, o exercicio físico tamén require un cambio fundamental no sistema educativo, apunta Felipe Casanueva, para quen “agora que se ten evidenciado que a actividad física é fundamental”, isto significa “que deberá ocupar un lugar prioritario” á hora de planificar a programación dos centros educativos.

OS ESPECIALISTAS FALAN NO SIS

Ademais de participar na Xornada sobre Obesidade, o doutor Casanueva Freijo -que recibiu en 2002 a Medalla da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, o premio máis importante que outorga a organización- forma parte do comité científico encargado da selección dos ponentes que intervirán nesta reunión. Así, con doutor Cigaina, estarán en Santiago profesionais da talla de Basilio Moreno e Xavier Formiguera, presidente e vicepresidente da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade; Bartolomé Burguera, do servizo de Endocrinoloxía do Hospital Universitario Son Dureta, de Palma de Mallorca; Aniceto Charro, xefe do Servizo de Endocrinoloxía do Hospital Clínico San Carlos, de Madrid; Agustín Domínguez Díez, da Sociedade Española de Cirurxía da Obesidade; e Ismael Díez del Val, da Unidade de Cirurxía da Obesidade do Hospital de Txagorritxu, en Biscaia.

Entre os especialistas que desenvolven o seu labor en Galicia, acudirán ao Salón Internacional da Saúde Diego Bellido Guerrero e Ovidio Vidal, do Servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo; José Aurelio Fernández, do servizo de Endocrinoloxía do Hospital da Costa, de Burela; e os doutores Javier Baltar Boileve, do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e Roberto Peinó García.

A ALIMENTACIÓN, TAMÉN NA XORNADA DE PEDIATRÍA

Precisamente, co obxectivo de tratar os trastornos alimentarios na poboación infantil, o SIS acollerá o mesmo día 14, unha Xornada Científica de Pediatría que xirará arredor das patoloxías con requerimentos nutricionais, atendendo ás estratexias de suplementación nutricional en idade pediátrica e aos avances en inmunoprofilaxis. Rafael Tojo Sierra, xefe de Pediatría do CHUS e José María Martinón, xefe da UCI pediátrica deste hospital, os dous membros do Comité Científico desta Xornada, serán os encargados de presentar e moderar as distintas ponencias nas que participarán especialistas de toda España.

Para falar sobre as patoloxías con requerimentos nutricionais aumentados e as estratexias de suplementación que se aplican nestes casos, estará no SIS Isabel Polanco, xefe do Servizo de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Universitario La Paz, en Madrid.

As patoloxías crónicas poden levar consigo un hipocrecemento no neno, con alteración no peso e a talla, “debido a que estes pacientes cunha alimentación habitual non cobren todos os requerimentos en vitaminas, en sales, en minerais e en enerxía que necesitan”, explica a doutora. As doenzas máis frecuentes que predispoñen á desnutrición son, entre outras, o cancro e a infección por VIH -que cursan reducción do aporte de nutrintes e provocan anorexia- ou a fibrose quística e o síntoma do intestino curto, que son trastornos de absorción de nutrintes e supoñen un menor aproveitamento dos alimentos.

DIETAS ESPECÍFICAS PARA CADA PATOLOXÍA

Para paliar estas carencias nutricionais que presentan os nenos con patoloxías crónicas utilízanse estratexias de suplementación, completas dietas enerxéticas que cobren os requerimentos específicos de cada doenza. Por exemplo, no caso do cancro, as alteracións da nutrición son frecuentes, tanto pola patoloxía en si como polo seu tratamento, polo que a fórmula de suplementación a seguir con nenos céntrase nun alto aporte de enerxía concentrada nun baixo volume de comida, e nunha dieta rica en antioxidantes.

Así, o aporte dos nutrintes dos que carecen estes nenos con patoloxía crónica subminístrase a través de dietas hiperenerxéticas, que no mínimo volume de alimento presentan a maior cantidade de enerxía, e que están suplementadas en función das distintas patoloxías. Precisamente as novidades neste campo, sobre as que falará Isabel Polanco no SIS, apuntan que na actualidade se dispón de dietas deseñadas especificamente para pacientes con diferentes tipos de enfermidades crónicas, “cando antes había dietas para tratar de nutrir a estes nenos, pero que non cubrían especificamente as necesidades de cada patoloxía”, asegura a doutora.

Estas fórmulas nutricionais son fundamentais, xa que a enerxía que os nenos reciben inflúe directamente na súa enfermidade, sendo máis fácil que un neno ben nutrido supere tanto a patoloxía como o tratamento, que en moitas ocasións é moi agresivo. De feito, está demostrado que a desnutrición que poden presentar estes pacientes con enfermidades crónicas pode provocar hipocrecemento -non alcanzando o neno a talla adecuada- mentres que unha correcta alimentación permitirá que o neno con patoloxía crónica se desenvolva adecuadamente como si fose completamente sano.

Ademais dos doutores Polanco, Tojo e Martinón, na Xornada de Pediatría intervirán Carlos Sierra Salinas, xefe do Servizo de Gastroenteroloxía e Nutrición Infantil do Hospital Materno Infantil Carlos Haya, de Málaga; Juan José Picazo de la Garza, xefe do Servizo de Microbioloxía do Hospital Clínico San Carlos, de Madrid; Carlos Rodrigo Gonzalo de Liria, xefe de Pediatría do Hospital Universitari Germans Trias i Pujol, de Barcelona; e o presidente da Asociación Española de Pediatría, Alfonso Delgado Rubio.
Gabinete de Comunicación do SIS (Xunta de Galicia)