Skip to main content

Preto da metade dos titulados en Matemáticas pola USC atopa o primeiro emprego en menos dun mes

Respecto á calidade do emprego, o 63% das persoas ocupadas contan cun contrato fixo e o 57% traballa en Galicia, mentres que o 38% o fai en España e soamente un 5% noutros países. Do total de estudantes enquisados, o 85% volvería estudar o Grao de Matemáticas na USC.

No acto interviñeron a decana da Facultade, M. Elena Vázquez Cendón, quen afirmou que “os resultados son moi positivos tanto en grao como en mestrado e doutoramento”, e Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, para quen “a calidade mídese na satisfacción dos egresados, nos contidos que aprenden nas clases, na ilusión e na capacidade de acceder ao mercado laboral ben preparados”.

Pola súa banda, Alberto Cabada Fernández, director do Instituto de Matemáticas da USC, destacou durante a presentación “a capacidade dos nosos estudantes de crear unha linguaxe común entre diferentes disciplinas, o que permite conseguir unha alta inserción laboral”.

Resultados da enquisa

No caso do alumnado de mestrado, o 89% dos egresados atoparon o primeiro emprego relacionado coa titulación antes dos seis meses. A súa inserción laboral é case plena, xa que o 82% están actualmente traballando. En relación aos estudos de doutoramento, a totalidade deste grupo de egresados ten na actualidade un emprego, sendo o 97% a tempo completo.

Este proxecto forma parte do Plan de Acción de Matemáticas 2017-2019, enmarcado no convenio para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i da USC e a Xunta de Galicia.
Universidade de Santiago de Compostela