Skip to main content

Presentación da edición trilingüe do libro 'Museo Aberto: saltando valados', do Museo Etnolóxico de Ribadavia

Con estes colectivos se desenvolveron os tres proxectos do programa: 'Lembrar no museo', 'Museo no cárcere' e 'Vémonos no espello'.

O programa Museo aberto, desenvolvido polo departamento de educación e acción cultural (DEAC) do Museo Etnolóxico está formado por tres proxectos: Lembrar no museo, Museo no cárcere e Vémonos no espello, en cada un deles traballouse con colectivos diferentes: Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), Cárcere de Pereiro de Aguiar (Ourense) e Cruz Vermella O Ribeiro (Ribadavia).

Estes proxectos naceron de forma embrionaria en 2005, foron medrando e consolidándose ao longo dos anos, converxendo en 2009 no programa Museo Aberto activo cos tres proxectos até 2012.

O programa Museo Aberto implicou un traballo transversal de profesionais especialistas de ámbitos diferentes: unha antropóloga da Universidade de Vigo, persoal técnico do Museo Etnolóxico, psicólogas, traballadoras/es sociais, persoal técnico de prisións, e a colaboración nos distintos obradoiros de xentes de oficios e da cultura.

Este programa Museo Aberto, innovador dentro das programacións de museos tanto de Galicia como de España, obtivo en 2012 o recoñecemento cunha Mención de Honra no III Prêmio Ibero-Americano de Educação e Museus do Programa Ibermuseos e xa forma parte do Banco Iberoamericano de Buenas Prácticas en Acción Educativa que se pode consultar na páxina da internet de Ibermuseos.

Era necesario que o traballo, realizado ao longo de anos desta experiencia pioneira nos museos de Galicia, e de España, fose sistematizado e analizado por aquelas profesionais que desenvolveron este programa, nunha publicación, que permitise o fácil acceso a toda esta documentación xerada por parte tanto do persoal técnico dos museos e centros patrimoniais, como daqueles colectivos sociais que teñen interese nestes proxectos, presentando o libro en edición trilingüe: galego, castelán e inglés.

A Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR) estivo presente no apoio loxístico e xestor para o desenvolvemento das actividades de todo o programa.

Houbo unha presentación do libro: Museo aberto: saltando valados en Ribadavia o día 20 de abril, consistiu nunha mesa redonda formada por profesionais de distintos ámbitos que reflexionaron arredor do programa Museo aberto avaliando a súa influencia nos colectivos implicados e no mes de maio, mes dos museos, (o 18 de maio celébrase o Día Internacional dos Museos) é a presentación en Compostela, o día 23 de maio ás 12.00 h. no Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela.

Para máis información consultar o blog do Museo Etnolóxico http://museoetnoloxicoribadavia.blogspot.com.es/ .
Museo Etnolóxico de Ribadavia