Skip to main content

Política Agroalimentaria asina un convenio con Argentina para a formación e investigación agrarias

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural dispón de centros de formación e investigación agraria nos que se imparten ciclos formativos e de formación continua para agricultores e técnicos, ademais de proxectos de investigación e desenvolvemento de interese para o INTA que, pola súa banda, é un instituto de investigación agraria que ten como actividades a investigación e desenvolvemento tecnolóxico, o desenvolvemento rural, a extensión e transferencia de tecnoloxía, formación, educación, capacitación e servizos ao produtor e ao sector que poden ser complementarias ás desenvolvidas nesta Consellería.

Por isto, a Consellería que dirixe José Antonio Santiso Miramontes e o INTA establece canles de colaboración en materia de formación e investigación agraria, unha cooperación que na área de formación centrarase nas necesidades de mellorar as capacidades en recursos humanos. Serán prioritarias as liñas de traballo relacionadas coa produción de carne e leite de xeito sostible, no manexo dos pastos e problemas de fertilidade, o pastoreo e a realización do ensilado, a integración de cadeas produtivas na produción de carne vacún, os parámetros de calidade dos alimentos, a trazabilidade dos mesmos, a mellora xenética vexetal e a administración de recursos xenéticos, entre outras.


LIÑAS DE COLABORACIÓN


De xeito máis detallado as liñas de colaboración son diversas. Con respecto á xenética dos vexetais a través da selección non soamente é posible a mellora das especies, senón tamén a recuperación de variedades autóctonas. Ademais, os sistemas produtivos iberoamericanos tiveron a necesidade de establecer modelos de trazabilidade na produción agrogandeira debido aos sucesos acaecidos en Europa, polo que se establecerá un plan de colaboración tanto técnica como de asesoramento para o seu estudio e implantación.

No tocante á alimentación de rumiantes, o uso cotián por parte do CIAM dun sistema de infravermello de valoración de forraxes permitirá a transferencia de tecnoloxía aos centros do INTA. Por outro lado, a soia é un cultivo moi estendido en Arxentina polo que se valorarán as distintas variedades existentes e establecerase a posibilidade da súa implantación en Galicia. Galicia, pola súa parte experimentou un desenvolvemento moi importante no sector vitícola, polo que esta traxectoria e coñecementos adquiridos permiten establecer un plan de formación de investigadores arxentinos e de asesoramento en viticultura e enoloxía.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia