Skip to main content

Fraga reiterou en Pontevedra que non hai que parar o desenvolvemento senón facer un desenvolvemento sustentable

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, reiterou en Pontevedra que nesta cidade, non hai que “parar o desenvolvemento” senón “facer un desenvolvemento sustentable”. Fraga manifestou, logo dunha visita ás instalacións dun novo centro socioasistencial en Pontevedra, que entende a convocatoria de folga na comarca pontevedresa feita polo sindicato Comisións Obreiras, xa que “os sindicatos están para iso”, “para a defensa dos postos de traballo”.

O mandatario galego celebrou que “haxa forzas sindicais que, a pesar das presións que se teñen feito en contra delas, teñan esa causa, que é a súa, de defender os postos de traballo dentro dun desenvolvemento sustentable”. Neste sentido, o xefe do Executivo autonómico indicou que “sustentable” é unha “palabra clave” para falar de desenvolvemento.

Manuel Fraga asegurou que “todos os temas en política son opinables” e que el respecta “a todos os que non pensan coma min”, e apostillou que iso mesmo “non lle ocorre” ao alcalde de Pontevedra.

O titular do Goberno galego cualificou de “estúpida ridiculez” que Miguel Anxo Fernández Lores “levase á Semana da Filosofía unha discusión sobre o funcionamento dunha fábrica que dá traballo”. Así mesmo, salientou que “querer cortar o desenvolvemento da mesma é algo absolutamente lamentable” e que espera que “a cidadanía tome boa nota diso”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia