Skip to main content

Medio Ambiente promove a implantación de sistemas de xestión ambiental nas empresas

A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar no DOG a orde pola que se convocan axudas a empresas e organizacións para a súa adhesión a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (Emas). O departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro destinará para estas iniciativas un total de 250.000 euros, cos que se pretende promover entre as empresas unha mellora continua na súa xestión ambiental, fomentando e permitindo acadar así un desenvolvemento sostible das súas actividades.

O orzamento destinado a estas axudas incrementouse este ano, xa que pasou dos 180.000 euros investidos en 2004 aos 250.000 euros previstos para este exercicio. En total o pasado ano aprobáronse 41 axudas para a adhesión a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais.

ATENCIÓN ÁS PEMES

As empresas que implanten e se rexistren directamente no sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (Emas) recibirán axudas que cubrirán ata o 90 por cento destes gastos; ata un máximo de 6.000 euros por empresa achegaranse para subvencionar o custo da verificación se se fai a partir de ISO 14001; e con ata un 75 por cento se axudará as entidades polo custo dos traballos realizados para a implantación dun sistema de xestión ambiental conforme os requisitos que esixe o Regulamento Emas, sempre que non se chegue a realizar a verificación da declaración ambiental e a inscrición no rexistro Emas durante 2005, debéndose realizar a mesma ao longo de 2006.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente pretende facilitarlle ás pequenas e medianas empresas a súa adhesión a este sistema de xestión de maneira progresiva, xa que estas entidades non sempre dispoñen dos recursos para realizar o proceso nunha soa fase.

REQUISITOS E VALORACIÓN

Para optar a estas axudas as empresas deberán cumprir os seguintes requisitos: ter o domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados en Galicia; materializar o seu proxecto obxecto de axuda no ámbito territorial galego; estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social; non ter contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia; posuír personalidade xurídica propia e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas.

Teranse en conta diversos criterios á hora do reparto de axudas, polo que se primará a aquelas empresas que como resultado da subvención recibida poidan obter a súa inscrición no rexistro do sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais Emas. Tamén se valorará que poidan obter a súa inscrición no Emas a partir da certificación internacional pola norma ISO 14001. Por último, apoiaranse os proxectos que poidan acreditar a implantación dun sistema de xestión ambiental.

As empresas interesadas en obter estas axudas deberán presentar as súas solicitudes ata o 11 de maio. Entre a documentación que se debe presentar é necesaria unha avaliación ambiental da instalación, a definición da política ambiental que se vai desenvolver e e os beneficios ambientais que se esperan, entre outros.

CERTIFICACIÓN AVALADA

O pasado mes de febreiro o vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, entregou os certificados que acreditan a adhesión de 27 empresas ao sistema comunitario de xestión e auditoría medioambientais (Emas). Estas entidades súmanse ao grupo de 18 empresas que xa dispoñían do documento que garante un sistema de produción respectuoso co medio ambiente.

O principal obxectivo é establecer políticas, programas e sistemas de xestión medioambientais; a avaliación sistemática, obxectiva e periódica do rendemento de ditos elementos; e a información ao público sobre o comportamento das entidades en materia de medio ambiente. Deste xeito, as empresas que dispoñan deste sistema teñen a oportunidade de minimizar os seus impactos sobre o medio ambiente e optimizar o uso dos recursos naturais mediante o emprego da mellor tecnoloxía dispoñible.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia