Skip to main content

Comeza en Santiago o curso para formar técnicos de cuadrilla heliotransportada

A sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia acolle ata o venres 8 de abril o Curso de Técnico de Cuadrilla Helitransportada organizado polo órgano colexiado coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente. Na actividade participan un total de 35 persoas -entre Enxeñeiros Técnicos Forestais, Enxeñeiros de Montes e estudantes do último curso de Enxeñería Técnica Forestal e de Enxeñería de Montes-. O obxectivo é achegarlles a formación necesaria para orientar o seu futuro laboral cara a defensa contra os lumes forestais.

Durante as clases, que se impartirán de nove da mañá a dúas e media e de 16:00 a 19:00 horas, os alumnos recibirán os coñecementos necesarios para formar e dirixir unha brigada, integrarse no dispositivo de extinción e coordinar medios aéreos e terrestres. Ademais, ensinaráselles a desenvolver aquelas outras tarefas relacionadas co cargo que poidan desempeñar os profesionais dentro do marco da seguridade e da eficacia no seu traballo. O programa lectivo desenvolverase ao longo de 40 horas, das que 32 horas corresponderán a exposicións teóricas e 8 a prácticas de campo.

CONVENIO

O curso forma parte dunha iniciativa formativa posta en marcha a través dun convenio de colaboración asinado entre Medio Ambiente e o devandito Colexio Oficial para formar os futuros profesionais do Servizo contra Incendios Forestais da Xunta ou dos doutras Comunidades nas materias e sistemas utilizados na defensa contra os lumes en Galicia. Deste xeito búscase favorecer a ampliación práctica do coñecemento científico e técnico entre este colectivo profesional, que desenvolve un papel fundamental na protección e conservación do medio ambiente.

Ao abeiro deste convenio realizarase, ademais desta actividade, un curso básico de incendios forestais. Cada un destes cursos impartirase en dúas edicións, das que unha delas se desenvolverá en Santiago e a outra en Lugo. Entre todas elas a Consellería de Medio Ambiente investirá un total de 8.000 euros.

CURSO DE INCENDIOS FORESTAIS

O Curso Básico de Incendios Forestais ten como obxectivo proporcionar os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para dirixir os traballos de defensa e loita contra os lumes. O adestramento abordará tanto os labores que se realicen con medios terrestres como aqueles nos que se dispoña dos aéreos.

As dúas edicións desta actividade realizaranse no mes de outubro e ofrecerán cada unha 35 prazas. O programa constará de 50 horas lectivas, que se impartirán ao longo de 6 días, tamén en horario de mañá e de tarde.

A actividade para formar técnicos de cuadrilla helitransportada repetirase entre o 18 e o 22 de abril na Biblioteca Pública Nodal de Lugo. Ambos cursos serán validados pola Xunta e computarán como méritos para a obtención de postos de traballo que a Administración oferte.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia