Skip to main content

Pesca lamenta que o Ministerio apoie a Madrid como sede do RAC de Augas Exteriores en detrimento de Galicia

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, ven de remitir á ministra
de Pesca, Elena Espinosa, unha carta na que lle comunica a decisión de non
apoiar a candidatura de Madrid para ser sede do Comité Consultivo Rexional
(CCR) de Augas Exteriores.

Pesca considera que a medida adoptada polo ministerio, ao non
propoñer a ubicación da sede en Galicia, é "incomprensible" xa que na nosa
Comunidade concéntrase de forma maioritaria a flota implicada. Por este
motivo, López Veiga anuncioulle tamén a retirada da candidatura defendida
ata o de agora pola Xunta de Galicia.

Despois de que o Goberno galego volcase tódolos seus esforzos para
conseguir que Galicia fora sede do CCR, Pesca entende que "estase a entrar
nun punto sen retorno", xa que existe unha norma non escrita, seguindo a
tradición comunitaria, pola cal só se ubica unha sede do CCR por país.

Na carta remitida polo titular de Pesca do Executivo galego tamén
se indica que a prioridade da Xunta de Galicia foi sempre acadar o
Secretariado do Comité Consultivo Rexional de Augas do Sur en Galicia,
dado o peso do sector e a importante contribución que suporía a
integración dos nosos representantes no CCR.

Desde a Consellería de Pesca faise tamén partícipe ao MAPYA do
absoluto desacordo da Xunta de Galicia cunha proposta que "non valorou,
nin tivo en conta" os intereses do sector pesqueiro galego de baixura, así
como a importancia estratéxica do apoio ao mesmo coa súa necesaria
internacionalización e mellora de competitividade.

Reitérase ademais que a ubicación en Galicia do CCR permitiría a
participación plena das Confrarías de Pescadores e das súas Federacións
Provinciais, así como a de importantes asociacións de armadores. Neste
sentido, tampouco se tiveron en conta as limitacións propias dos
profesionais da baixura para financiar os seus desprazamentos.

Por último, a Consellería de Pesca lamenta o pouco apoio mostrado
polo Goberno Central xa que, a pesares de que a Xunta intentou desde o
primeiro momento a completa coordinación co sector e coa Secretaría Xeral
de Pesca do Ministerio para situar ao sector galego na mellor posición
posible, non se viu respaldado coas actucións do Ministerio de Pesca neste
caso.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia