Skip to main content

Unha investigación con acento galego para avaliar a contribución dos servizos ecosistémicos mariños ao benestar humano

Esta investigación centrarase na avaliación deste tipo de servizos na Reserva Mariña de Lira, as Illas Cíes e o Parque Natural Cabo de Gata – Níjar.

Unha análise da evidencia científica dispoñible e o desenvolvemento de diversas mesas e obradoiros participativos nos que interveñan investigadores, usuarios, membros da administración e do sector produtivo, entre outros, conforman a primeira fase desta investigación que acaba de botar a andar. A continuación, abordarase a contribución dos servizos ecosistémicos mariños ao cumprimento a curto prazo dos obxectivos da Directiva Marco da Estratexia Mariña Europea de 2020 e, a longo prazo, aos obxectivos de Nacións Unidas de Desenvolvemento Sustentable de 2030.

Guía para o manexo destes servizos en áreas naturais protexidas

“O principal resultado ao que se agarda chegar é a elaboración dunha Guía para o manexo destes servizos en áreas naturais protexidas a modo de protocolo que recollerá a metodoloxía empregada para o desenvolvemento do proxecto, incluíndo as dificultades e boas prácticas para que a guía sexa aplicable e adaptable a outros casos de estudo e territorios”, afirma Sebastián Villasante.

“Como unha das accións máis destacables e como acto de peche do proxecto, organizarase un Simposio Internacional sobre os sistemas ecosistémicos mariños no que se convidará a diversos expertos na materia, así como ás entidades e persoas que colaboraron dun modo ou outro no proxecto”, sinala. Ecoser conta cun financiamento de 102 mil euros da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Universidade de Santiago de Compostela