Skip to main content

Barreiro aposta por fomentar a educación ambiental a través dunha nova campaña divulgativa

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, presentou en Santiago unha nova campaña divulgativa dirixida aos máis novos e coa que se pretende fomentar a súa conciencia ambiental. No acto tamén participou o presidente de Sogama, Jaime Bermúdez, xa que esta sociedade é a promotora da iniciativa, para o que conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente.

A Guía Pedagóxica para os alumnos é un manual totalmente didáctico -que inclúe un CD- e co que se pretende facilitarlle a poboación máis nova os coñecementos básicos sobre a redución de residuos, a reutilización e a reciclaxe, política coñecida como dos 3R. A nova campaña divulgativa prevé a edición de 4.500 unidades didácticas que se distribuirán nos 240 concellos adheridos a Sogama e nos seus centros de ensinanza primaria e secundaria, que suman arredor de 1.200 escolas.

Con este material divulgativo o departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro ten como obxectivo achegar aos rapaces e rapazas, como herdeiros do futuro medioambiental de Galicia, as claves para mellorar a xestión dos refugallos e, polo tanto, para avanzar na conservación do patrimonio natural da comunidade. Trátase dunha iniciativa orientada a favorecer a conciencia social, seguindo as recomendacións da Estratexia Galega de Educación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

CONTIDO PARA CONCIENCIAR

O manual recolle unha breve introdución sobre os residuos na historia, desde o Paleolítico ata a época actual. Con este percorrido explícanse os avances en materia de xestión de refugallos, que na actualidade se realiza en Galicia a través do Complexo Medioambiental de Cerceda.

Na guía faise unha completa explicación dos diferentes tipos de residuos e dos colectores nos que deben depositarse, segundo a súa composición e o seu tratamento final. Trucos para reutilizar refugallos, ideas básicas para consumir tendo en conta o lixo que logo se xerará e exercicios prácticos sobre as explicacións ofrecidas son algúns dos contidos adicionais e de carácter máis innovador.

Cómpre sinalar que a Guía Pedagóxica para os alumnos inclúe unha parte na que se explica o funcionamento das ecoplantas e da planta de Sogama. A través da publicación os máis novos poden coñecer as distintas fases de transporte, separación e valorización de residuos, co que se produce enerxía para abastecer a preto de 100.000 fogares galegos.

COÑECER E RESPECTAR

No decurso do acto de presentación o titular de Medio Ambiente lembrou que esta iniciativa se enmarca no obxectivo de achegarlle á poboación a información precisa para que, a través do coñecemento, “se poida potenciar a implicación social no coidado e protección do contorno”. “A mellora do noso medio repercute de maneira directa no benestar na poboación e debe contribuír tamén ao desenvolvemento económico e social do país”, apuntou Xosé Manuel Barreiro.

Nesta liña, o máximo responsable da política ambiental da Xunta fixo referenza á aposta do Goberno galego pola maior difusión das actividades formativas e divulgativas en materia medioambiental, xa que a conservación do contorno natural só se entende a través das achegas da cidadanía. Así, Barreiro salientou que a responsabilidade da Administración, no marco do seu compromiso social co medio ambiente, é “facilitar os recursos que favorezan a participación activa do conxunto da poboación”.

POLÍTICA AMBIENTAL E SOLIDARIEDADE

O vicepresidente segundo referiuse a Sogama como a “mellor fórmula de xestión de residuos, xa que garante o tratamento integral e combina as políticas medioambientais co principio de solidariedade”. Segundo sinalou Barreiro, fronte a outras fórmulas, o Complexo Medioambiental de Cerceda demostrou capacidade para dar resposta ao conxunto da poboación sen discriminacións”. Neste sentido, o titular de Medio Ambiente insistiu na “man tendida da Administración cara outros sistemas de xestión de residuos, sempre con Sogama como eixe”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia