Skip to main content

A redución da oferta de transporte público autonómico por estrada acada o 80%, cunha caída da demanda do 90%

A Xunta de Galicia publicou o pasado 16 de marzo no Diario Oficial de Galicia a orde de medidas de obrigado cumprimento no transporte público regular por estrada, que establece a obriga dos operadores de transporte público de reducir a súa oferta a, cando menos, o 50%. En virtude das medidas adoptadas polo Ministerio de Transportes, a ocupación máxima dos vehículos de transporte quedou fixada nun terzo da súa capacidade, unha limitación que a Xunta estendeu tamén ao transporte marítimo.

Tras esas medidas, a redución efectiva da oferta do transporte público sitúase en torno ao 71% da existente nun día non lectivo e do 80% con respecto á dun día lectivo. Desa forma, o número expedicións diarias pasou de 7.200 a menos de 1.500.

Na actualidade, a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta está a priorizar a atención ás necesidades de mobilidade dos colectivos profesionais de servizos esenciais. Desa forma, reforzáronse xa os servizos de autobús entre Lugo e Sarria, coa fin de garantir a oferta para os traballadores do hospital Lucus Augusti.

Ademais, mañá comezará a funcionar un novo servizo ás 22,15 horas entre o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e San Pedro de Nos, en Oleiros, para cubrir as necesidades do persoal sanitario da quenda de tarde.

A web www.bus.gal contén toda a información sobre as empresas operadoras de transporte público, que poden facilitar información puntual sobre os seus servizos.
Xunta de Galicia