Skip to main content

A seguridade pasa pola hixiene

"A Organización Mundial da Saúde desaconsella o uso de luvas pois tamén se contaminan tal e como acontece coas mans", apunta Juan Gestal. "O que si debe facerse con frecuencia é lavar as mans con auga e xabón durante vinte segundos ao regresar á casa. Se se usan luvas, deben lavarse as mans antes de poñelas e despois de retiralas, e evitar tocarse os ollos, boca ou nariz", sinala o profesor. Na mesma liña, para Francisco Caamaño "o máis importante é ser conscientes de que as nosas mans poden estar contaminadas, así que deben lavarse con frecuencia, tamén debemos, en todo momento, gardar a distancia social de seguridade de dous metros". Para realizar un lavado eficiente de mans, o Ministerio de Sanidade pon á disposición da cidadanía diferentes vídeo titoriais a través da súa canle oficial de YouTube.

Como lavar correctamente as mans

O ideal é que os guantes non sexan reutilizables, pero de ser así "deben lavarse e desinfectarse cunha solución de lixivia en auga do 0,1%", apunta o profesor Gestal. Sacar as luvas pode ser tamén un momento crítico. "O primeiro guante debo sacalo agarrándoo pola palma coa outra man; e o segundo, utilizando o primeiro guante para non tocar o outro coa man", explica Caamaño. "Os guantes da froita e verdura son para non contaminar eses alimentos e tiraranse despois de utilizalos. Debemos usalos pero tendo en conta que hai que tomar as mesmas precaucións, os guantes pasan a ser as nosas mans, e como tales, calquera cousa contaminada que toquemos con eles, quedará contaminada tamén", continúa.

Máscara facial

"As máscaras faciais teñen unha duración limitada no tempo que no caso das cirúrxicas é de dez a quince minutos, pois en canto se humedecen pola parte anterior deben descartarse sen tocar esa parte anterior. Os filtros de partículas FFP1-FFP2 e FFP3 teñen unha duración maior, moitos días, que depende do tempo de uso e da conservación, debendo descartarse cando se danen, deformen, mollen ou ensucien", explica o profesor Gestal. Atopar máscaras faciais nas farmacias é na actualidade practicamente imposible, por iso, comezan a agromar nas redes sociais vídeos nos que se explican pautas de fabricación caseira. "A protección que podan ofrece as máscaras faciais de produción caseira depende moito do tipo de tecido de que estean feitas, pero en xeral poden deter as gotas. Para hixienizalas, poden lavarse na lavadora, nun programa de auga quente, ou desinfectalas mergullándoas nunha solución de lixivia en auga do 0,1%", conclúe Gestal.

Francisco Caamaño pon o foco na distancia social, algo que é moito máis importante que o uso de máscaras faciais. "Vense fotos de xente con máscaras faciais dispostos xuntiños diante da cámara, e isto é o que nos ten que molestar, a máscara facial está correctamente colocada, pero o virus pode ter pasado por contacto. Debemos manter a distancia social", apunta o profesor da USC. "O importante é manter a distancia de seguridade; evitar tocar superficies e, de ter que facelo, empregar a man non dominante, evitar tocar ollos, boca ou nariz, e lavar as mans ao chegar a casa", di Gestal.

Ventilación

Nas medidas hixiénicas para previr o contaxio, o Ministerio de Sanidade apunta a importancia de ventilar os domicilios cinco minutos ao día como mínimo. Realizar unha limpeza diaria con auga e xabón para as superficies de contacto frecuente, elimina xermes, sucidade e impurezas. En zonas comúns, como pode ser o caso das urbanizacións, tamén resulta indispensable a ventilación e que a persoa que efectúe a limpeza o faga con guantes dun só uso, limpando a diario as superficies que se tocan con maior frecuencia.

Estas recomendacións súmanse ás realizadas polos profesores da USC Isabel Bandín Matos e Carlos Pereira Dopazo, os cales analizaron a supervivencia do virus en diferentes superficies coma o papel, o plástico ou as moedas.
Universidade de Santiago de Compostela