Skip to main content

Iniciativas universitarias con dimensión solidaria

“Sóuboo Lucas polo Instagram, mandoumo e apuntounos ao momento”, relata Yasmina, que, do mesmo xeito que o seu compañeiro de clase, forma xa parte dos 1.600 voluntarios e voluntarias galegas, que, a diario, crean en impresoras 3D uns 1.000 equipos e protección validados para persoal sanitario e demais traballadores de centros asistenciais e de maiores.

A impresión en 3D tense convertido para nós nunha alternativa de confinamento activo nestes tempos de #QuedanaCasa, relata Yasmina, ao tempo que recoñece que “sempre se pode axudar e a impresión de viseiras aínda nos sirve de entretemento”. O traballo que están a desenvolver estes dous universitarios non é ó chou, xa que Yasmina e Lucas seguen as indicacións que os coordinadores de Coronavirus Markers soben á nube logo da súa validación. Este proceso repítese unha e outra vez e “cando temos varias unidades rematadas facemos lotes de cinco viseiras, metémolas en bolsas conxelados con peche zip para logo enviar á farmacia máis próxima, que funciona como punto de recollida, coordinado polo 061”, explica.

Lucas e Yasmina contan con cadansúa impresora 3D e, aínda que son do mesmo modelo, cada máquina precisa deseños adaptados, pois hai diferencias nos plásticos empregados e tamén nos filamentos cos que traballan e que, neste caso, reciben o nome técnico de PLA. Coas nosas impresoras tardamos arredor de hora e media, dependendo dos parámetros e das boquillas, en rematar cada viseira, indica Yasmina, para logo engadir que a impresión de cada unidade require uns 10 metros de filamento PLA. “De momento temos material, porque antes de que comezara todo este lío fixeramos un pedido importante e aínda deben quedarnos uns cinco quilos”, comentou esta alumna do grao en Enxeñaría Robótica.

Protocolo rigoroso

O proxecto Coronavirus Makers segue un protocolo de produción moi coidado. Outra cousa é a distribución do material elaborado, unha tarefa para a que Yasmina conta coa axuda de seu pai, que aproveita os desprazamentos hasta o lugar de traballo para entregar as viseiras en calquera das boticas de Lugo que traballan coa Cooperativa Galega de Farmacia (Cofano), que é outra das entidades colaboradoras do proxecto.

“Intentamos que todo se faga coa maior transparencia posible e por iso cada protector leva un rexistro de impresión e un número de identificación. O 061 recolle os lotes nas farmacias e lévaos a un centro loxístico para desinfectalos antes de proceder á súa distribución en todo tipo de centros públicos. É moi satisfactorio cando nos chegan fotos de persoal sanitario de hospitais como o de Burela cos nosos protectores”, explica Said, quen actúa como voceiro do colectivo en Galicia.

Said relata asemade que Coronovirus Makers Galicia é unha iniciativa sen ánimo de lucro, que seguindo a cultura maker, busca darlle un uso ético á tecnoloxía, ao tempo que acepta en material e recursos, pero non diñeiro. Este voceiro do colectivo maker anima a calquera centro público que precise de material sanitario que se poña en contacto cos promotores do proxecto a través da súa web ou das redes sociais.
Universidade de Santiago de Compostela