Skip to main content

A USC exporta o 'know how' da produción de xel sanitizante destinado a abastecer a sanidade pública

Actualmente, o equipo encargado da súa produción traballa para optimizar o proceso e elevar a produción ata 1.200 ou 1.300 botellas diarias e así alcanzar os 9.000 litros requiridos para o sistema sanitario coa maior celeridade posible. Neste senso, xa se teñen implementado melloras nas instalacións da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE).

O reitor da USC, Antonio López, salientou que a fabricación destas solucións por parte da USC encádrase no marco da “liña de máxima colaboración que mantén a USC coa Xunta e coas autoridades sanitarias desde o comezo dunha situación excepcional, como o é este estado de alarma”. Agora, como explica o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, a USC pon o know how do proceso de produción do xel sanitizante a disposición de todas as universidades ou institucións interesadas, sempre que se destine a fornecer os sistemas públicos de saúde, nunca con fins comerciais.

Garantir o abastacemento

A USC comezou a semana pasada a produción de xel sanitizante en base a etanol ou alcohol isopropílico, a fin de tratar de garantir así o abastecemento deste subministro ao Sergas. A institución docente dá conta así do encargo da administración autonómica para fabricar 9.000 litros desta solución hidroalcohólica, un lote que será distribuído nos centros sanitarios que o precisen en 18.000 envases de medio litro de capacidade cada un, segundo informou o reitor Antonio López.

Este xel tense convertido nun material imprescindible na denodada loita emprendida para frear a expansión do Covid-19 entre a sociedade e, nomeadamente, entre os profesionais sanitarios e demais persoal que se atopa na primeira liña de batalla co coronavirus. A produción propia por parte da USC é posible grazas ao proceso de transformación e adaptación da planta piloto de que dispón o Departamento de Enxeñaría Química na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.

O equipo científico que se ocupará nunha primeira fase da produción deste tipo de xeles está integrado por PDI e PAS da ETSE, Facultade de Farmacia, Facultade de Química e Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, así como de CRETUS.
Universidade de Santiago de Compostela